A Coruña reúne esta semana os investigadores do proxecto europeo DRYAD, coordinado polo CICA

21 de Setembro de 2024

A Coruña reúne esta semana os investigadores do proxecto europeo DRYAD, coordinado polo CICA

O Centro Interdisciplinario de Química e Bioloxía (CICA), centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, coordinará durante os próximos catro anos o proxecto europeo DRYAD. O proxecto consiste na demostración e modelización de solucións baseadas na natureza (SBN) para mellorar a resiliencia dos ecosistemas e paisaxes agrosilvopastorís mediterráneos, co obxectivo de promover as prácticas sostibles e resilientes ao clima e facilitar plans rexionais de adaptación. O investigador principal e coordinador deste proxecto de catro anos é Francisco Javier Samper Calvete, catedrático de universidade, docente da área de Enxeñería do Terreo e investigador no CICA, no grupo AQUATERRA.

Durante estes días, reúnense na Coruña preto de 50 participantes do proxecto, procedentes de cinco países mediterráneos, na KICK-OFF Meeting que comezou onte na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canles e Portos da UDC.

O proxecto, financiado polo programa Horizonte Europa, combina innovacións científicas, tecnolóxicas, sociais e empresariais de primeira liña, así como solucións transformadoras. Centrarase no desenvolvemento, nas probas e na demostración de solucións baseadas na natureza (SBN) en cinco rexións de demostración, entre elas Andalucía e Estremadura (España), o Alentexo (Portugal), Sardeña (Italia) e Etolia-Acarnania (Grecia). As SBN máis prometedoras transferiranse a estas tres rexións replicadoras: Castela e León (España), Occitania (Francia) e A Toscana (Italia). Ademais, o DRYAD apoiará unha gobernanza de xestión integrada mediante o desenvolvemento de sistemas de apoio á toma de decisións.

O proxecto mobilizará as autoridades rexionais e locais e as partes interesadas que se apropian do desafío climático, entidades de investigación, fundacións públicas e privadas, empresas e cidadáns e involucraraas nos procesos de cocreación, coimplementación e covalidación por medio de Living Labs (bancos de probas). Isto conducirá á creación de solucións reais amplamente aplicables con impactos duradeiros. O proxecto promoverá ferramentas e guías de implementación para promover prácticas sostibles e resilientes ao clima e facilitar plans rexionais de adaptación, contribuíndo á Lei de restauración da natureza en termos de natureza resiliente a adaptacións climáticas.

Subir ao principio Subir ao principio