A empresa Neutron Insights, impulsada desde o IGFAE, consegue un dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off

11 de Outubro de 2024

11

A empresa Neutron Insights, impulsada desde o IGFAE, consegue un dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off

A empresa Neutron Insights, impulsada no marco da investigación desenvolvida no IGFAE, centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, é unha das gañadoras da oitava edición dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off. O xurado outorgoulle o recoñecemento na categoría de Idea Emerxente, que premia as empresas ou iniciativas innovadoras desenvolvidas nos últimos dous anos, valorando que se trata «dunha iniciativa empresarial nun sector pouco habitual para a creación de spin-offs, como é o da física».

Neutron Insights, constituída no ano 2023, está a dar os seus primeiros pasos para comercializar un dispositivo que supera as limitacións das radiografías convencionais, aplicando a tomografía por emisión de neutróns para detectar defectos de forma precisa en metais e estruturas. «Vemos o que os raios X non ven», resume o seu equipo fundador, composto por Yassid Ayyad, investigador Ramón y Cajal na USC, e Pablo Cabanelas, responsable de Coñecemento, Transferencia e Innovación do IGFAE.

Nas outras categorías do certame (Selo de Calidade e Grupo de Investigación) resultaron gañadoras, respectivamente, a empresa Alén Space, nacida na UVigo, con máis de 15 anos de traxectoria no campo da enxeñería aeroespacial, e o grupo BioFarma, do CiMUS da USC, con case dúas décadas de traballo na investigación de novos fármacos. O CiMUS é outro dos centros que forma parte da Rede CIGUS.

O xurado que outorgou os galardóns estivo composto nesta edición pola investigadora da Universidade de Caen, licia Bruzos; a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnoloxía Universitaria da Xunta de Galicia, Irene Bonome; polo director de Investimentos de Unirisco, Pablo Mosquera; polo presidente da Asociación de Novos Empresarios de Galicia, Luciano Fariña, e polo director de GCiencia, Pablo López.

Os premios serán entregados o 12 de novembro no pazo de San Roque de Santiago. O acto contará coa presenza de distintas autoridades e representantes de institucións galegas e do mundo empresarial e académico. Os galardóns contan co patrocinio da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta, de Unirisco e da empresa Gadis.

Os Premios GCiencia Galicia Spin-Off distinguen desde 2015 as empresas e grupos de investigación máis innovadores e que destacan polo uso da ciencia no desenvolvemento dos seus produtos e servizos. Entre os premiados dos últimos anos atópanse Mestrelab, Hifas da Terra, o grupo SING da UVigo ou o Laboratorio de Bases de Datos da UDC.

Subir ao principio Subir ao principio