A exposición «Instrumentos de Visión», conmemorativa do 25.º aniversario do IGFAE, estende a súa apertura en Santiago de Compostela ata o sábado 21 de setembro
28 de Agosto de 2024

A exposición «Instrumentos de Visión», do artista Armin Linke, conmemora os 70 anos da fundación da Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN) e o 25.º aniversario do IGFAE, centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica.
O proxecto, froito da colaboración do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e Arts at CERN, amplía a súa estancia en Santiago de Compostela ata o sábado 21 de setembro. A mostra, que suma máis de 30 000 visitas desde a súa inauguración, permanecerá aberta na Igrexa da Universidade en horario de martes a sábado, de 11.00 a 20.00 horas.
«Instrumentos de Visión» recompila máis de 20 anos de traballo do fotógrafo e cineasta Armin Linke (Milán, 1966), a partir da observación das investigacións realizadas en grandes infraestruturas experimentais como o CERN, o Laboratori Nazionali di Gran Sasso (L’Aquila, Italia), ou o Institute for Quantum Optics and Quantum Information (IQOQI), de Innsbruck (Austria). O IGFAE forma parte da Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica.
Para esta ocasión, Armin Linke realizou unha serie de obras nas que se recolle o labor científico do persoal do IGFAE, presente nalgunha das máis importantes colaboracións científicas internacionais en física de partículas, como o experimento LHCb do CERN. Este proxecto está comisariado por Mónica Bello, directora de Arts at CERN, o programa de arte desta organización científica.
Novas actividades divulgativas
Con motivo da ampliación da apertura da mostra, a Igrexa da Universidade acollerá novas actividades divulgativas ao redor de «Instrumentos de Visión». Por unha banda, ofreceranse novas visitas guiadas. Ademais deste martes, 27 de agosto, en horario de 19.00 a 20.00 horas, haberá unha nova oportunidade o 19 de setembro, á mesma hora. O rexistro, gratuíto, pode realizarse a través da web da exposición, instrumentosdevision.igfae.usc.es. Esta actividade realízase co apoio de Horta Coslada.
Ademais, coincidindo co comezo do curso académico, os centros educativos do contorno de Santiago de Compostela poderán coñecer, no marco da exposición, algúns dos «instrumentos de visión» utilizados polo persoal do IGFAE para mostrar os compoñentes fundamentais da materia, como a cámara de néboa ou o detector portátil MiniPix, desenvolto polo CERN.
Finalmente, o venres 20 de setembro terá lugar na Igrexa da Universidade unha conversación sobre a influencia das achegas da física de partículas á sociedade no relativo ás narrativas contemporáneas. Participarán Mario Regueira (escritor e crítico literario), Iria Veiga (psiquiatra) e Carlos Salgado (director do IGFAE). Esta actividade está organizada en colaboración coa Asociación Galega da Crítica.