A imaxe molecular a debate polo CIMUS no aulario Novoa Santos de Santiago de Compostela
19 de Maio de 2023
O CIMUS,que forma parte da Rede CIGUS, a cal integra aqueles centros cunha calidade e un impacto da súa investigación que foron acreditados pola Xunta de Galicia, organiza un encontro multidisciplinario que lles permitirá aos asistentes obter nocións do estado da arte de moitas técnicas, e que engloba tanto investigación básica e preclínica como investigación traslacional e clínica.
O evento terá lugar o próximo 19 de xaneiro de 2023 no aulario Novoa Santos do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, que acollerá a cuarta edición da Reunión de Xoves Españois da Sociedade Europea de Imaxe Molecular ou Young Spanish Molecular Imaging Network Day (ySMIN Day); unha reunión que ten por obxectivo a promoción da formación de investigadores xoves no campo da imaxe molecular. Durante a reunión debaterase tamén sobre o desenvolvemento de novas tecnoloxías de imaxe, o uso de diferentes metodoloxías, o desenvolvemento de novos biomarcadores e contrastes e a análise de imaxes.
«A través de iniciativas coma esta búscase promover as colaboracións entre grupos de diferentes aplicacións e/ou diferentes institutos e favorecer a transferencia do coñecemento desde as fases preclínicas á implantación de novas técnicas diagnósticas ou terapéuticas», comenta a investigadora do CiMUS da USC Lara García Varela, membro do Comité Organizador local xunto ao tamén investigador do CiMUS Jesús Silva.
Para poder participar, dado o número limitado de prazas, será necesario rexistrarse de maneira gratuíta a través da seguinte ligazón.
Presentación de abstracts: ata o 19 de decembro
«O campo da imaxe molecular é moi amplo, xa que inclúe técnicas de imaxe como a resonancia magnética, os raios X, a ecografía, a tomografía por emisión de positróns (PET), e outras máis comunmente dispoñibles como a imaxe óptica, a microscopia e a fluorescencia entre outras», comenta a investigadora.
Tendo isto presente, o encontro articularase arredor de charlas orais de 12 minutos de duración e presentacións curtas de 6 minutos impartidas por investigadores xoves que darán a coñecer os resultados das súas investigacións. Para iso, ampliouse o prazo de presentación de abstracts ata o 19 de decembro.
Referentes en imaxe molecular
Esta cuarta edición contará, ademais, con dous relatores de referencia no campo da imaxe molecular como son Philip Elsinga e Ramón Iglesias. O primeiro deles é catedrático titular de Radioquímica da Universidade de Groningen (Países Baixos) e as súas investigacións céntranse no desenvolvemento de novos radiofármacos para o diagnóstico usando principalmente a imaxe PET. A súa intervención versará sobre os novos métodos de radiomarcaxe baixo o título «Current trends in radiopharmaceutical chemistry».
Pola súa banda, Ramón Iglesias centrarase no papel da resonancia nos estudos neurolóxicos co seu relatorio «Role of MRI in neurological studies». Iglesias é investigador principal do Grupo de Neuroimaxe e Biotecnoloxía do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e o seu principal campo de investigación é a isquemia cerebral estudada principalmente a través da resonancia magnética.
A Reunión de Xoves Españois da Sociedade Europea de Imaxe Molecular conta co patrocinio de Bruker, Ai4R, Global PET e Cienytech e está coordinado polo CIMUS, un dos centros membros da Rede CIGUS.