A profesora María Antonia Señarís do CICA toma posesión na Real Academia de Ciencias
11 de Decembro de 2024

A profesora María Antonia Señarís Rodríguez e integrante do grupo UDCSólidos do CICA, centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, toma posesión da súa praza de Académica de Número na Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España.Durante o acto leu o seu discurso de ingreso, que leva como título: «Da Química do Estado Sólido ás perovskitas e outros materiais de interese tecnolóxico».
Unha extensa traxectoria ligada á UDC
Licenciada en Química pola Universidade de Santiago de Compostela en 1988, foi bolseira Fullbright postdoutoral durante dous anos no Center for Materials Science and Engineering da Universidade de Texas en Austin (USA), traballando baixo a dirección do profesor John B. Goodenough, Premio Nobel de Química 2019.
A súa carreira docente-investigadora desenvolveuse fundamentalmente na Universidade da Coruña (UDC), á que pertence desde 1994, sendo actualmente catedrática de Química Inorgánica desde 2008. Tamén fundou o grupo de UDC Sólidos pertencente ao CICA, sendo unha das súas investigadoras principais. Durante máis de 30 anos desenvolveu unha ampla actividade docente, con énfase na introdución e impartición nos estudos de Química (e actualmente tamén de Nanociencia e Nanotecnoloxía) de contidos de Química do Estado Sólido e Materiais.
No que respecta á súa actividade investigadora, esta enmárcase integramente nos campos da Química e a Física do Estado Sólido e Materiais, cun enfoque marcadamente interdisciplinar e multidisciplinar. Cunha ampla experiencia na síntese e, especialmente, na caracterización e estudo de novos materiais con destacadas propiedades (multi)funcionais (calóricas, multiferroicas, superconductoras, magnéticas, electrónicas, termoeléctricas, etc.), está particularmente interesada en establecer e racionalizar relacións composición-estrutura-micro/nanoestrutura-propiedades para o deseño e desenvolvemento de novos materiais.