A Rede CIGUS asiste a EARMA 2026, o principal encontro europeo de xestión da investigación
21 de Maio de 2026
Unha delegación de xestores e xestoras de investigación dos centros CIGUS asistiu a EARMA 2026, a conferencia anual da European Association of Research Managers and Administrators (EARMA). Considerada un dos principais encontros europeos para profesionais da xestión e administración da investigación, tivo lugar do 5 ao 7 de maio en Utrecht (Países Baixos).
O encontro reuniu a máis de 1.800 research managers procedentes de universidades, centros de investigación e institucións de toda Europa para abordar os principais retos e tendencias vinculados á xestión da I+D+i. Cunha participación de profesionais de 54 países, segundo datos da propia organización, España foi, despois do país organizador, o país con mais persoas inscritas.
Ao longo do programa desenvolvéronse sesións plenarias, paneis de debate e talleres especializados, así como sesións paralelas, encontros de grupos temáticos e actividades interactivas, centrados en cuestións clave para o sector. Entre elas abordáronse a captación e xestión de financiamento competitivo europeo, a política e evolución dos programas marco -coa mirada posta no futuro programa marco FP10-, o uso da Intelixencia Artificial, a ética e integridade na investigación, a ciencia aberta, a avaliación do impacto científico e social da I+D+i, así como a valorización e a transferencia do coñecemento.
A conferencia tamén puxo o foco no papel estratéxico das oficinas e equipos de apoio á investigación no fortalecemento das capacidades institucionais e na construción de ecosistemas de investigación máis conectados e colaborativos. Neste contexto, subliñouse a importancia da profesionalización da función dos xestores e xestoras de transferencia, e púxose de manifesto o valor estratéxico que achegan estes profesionais no fortalecemento da colaboración entre as entidades financiadoras e o persoal investigador, así como na difusión de estándares e metodoloxías de calidade mediante a participación en redes de ámbito europeo e internacional.
Coa súa ampla oferta de actividades, relatorios e sesións prácticas EARMA consolidouse como un espazo de intercambio, colaboración internacional e aprendizaxe para os profesionais da xestión da investigación.
A participación da Rede CIGUS neste encontro permitiu aos equipos de xestión dos centros achegarse ao próximo programa marco de financiamento europeo, coñecer novas ferramentas, tendencias e boas prácticas no ámbito da xestión da investigación e da transferencia de coñecemento, así como reforzar conexións e alianzas con redes e institucións europeas.
Esta presenza contribúe a seguir fortalecendo os servizos de apoio á investigación dos centros CIGUS e a impulsar a proxección internacional do ecosistema galego de I+D+i.