A Rede CIGUS estreita lazos co Sistema Vasco de Investigación

4 de Novembro de 2024

A Rede CIGUS estreita lazos co Sistema Vasco de Investigación

Entre o 28 e o 30 de outubro, unha delegación da Rede de centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia (Rede CIGUS), unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, realizou unha visita ao Sistema de Investigación Vasco, co fin de coñecer en profundidade o seu modelo, compartir boas prácticas e establecer novas relacións e contactos para potenciar as sinerxías entre ambos os territorios.

A comitiva, encabezada polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, integrárona 31 persoas: directores e xestores dos centros CIGUS (CICA e CITIC por parte da UDC; CiMUS, CiQUS, CiTIUS, CRETUS e IGFAE por parte da USC; e atlanTTic, CIM e CINBIO por parte da UVigo), os vicerreitores de Investigación das tres universidades galegas e membros do equipo da Secretaría Xeral de Universidades. A organización da visita foi coordinada pola Oficina Técnica da Rede CIGUS, que ocupa a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA).

Durante tres intensas xornadas, a delegación galega visitou algúns dos centros de investigación máis relevantes do País Vasco, entre os que se atopan IBF-FBB, Achucarro, Tecnalia, CIC bioGUNE, BCBL e CIC nanoGUNE. Ademais, o grupo reuniuse con representantes de Ikerbasque e BRTA, institucións clave no desenvolvemento científico vasco.

Galicia e o País Vasco comparten o reto da atracción e retención do talento científico, un dos alicerces fundamentais para o crecemento futuro de ambas as rexións.

Ademais de abordar esta cuestión, nas sesións de traballo abordáronse outras como a gobernanza dos centros, as estratexias de transferencia de resultados ao mercado e as políticas de internacionalización, entre outros temas. A delegación tamén tivo a oportunidade de coñecer as instalacións e infraestruturas singulares dos centros visitados.

A Rede CIGUS é unha estrutura impulsada pola Xunta de Galicia para fortalecer e potenciar a investigación de excelencia no ámbito universitario e actuar como motor de progreso da rexión. Está integrada por centros de investigación que contan co selo identificativo CIGUS, un recoñecemento que avala a calidade e o impacto da súa investigación. Actualmente está formada por dez centros de investigación que, en conxunto, reúnen máis de 1600 investigadores e investigadoras, con logros como a obtención de 32 ERC grants, así como 6325 publicacións científicas e máis de 180 M€ en financiamento competitivo no período 2020-2023. Ademais, só en 2023, estes centros conseguiron 245 novos proxectos competitivos e asinaron 228 contratos e convenios con empresas.

Subir ao principio Subir ao principio