A Rede CIGUS suma dez centros de investigación acreditados pola Xunta de Galicia
30 de Abril de 2024
A Xunta de Galicia destinou 23,6M€ para que os centros de investigación que integran a Rede desenvolvan a súa actividade científica con maior estabilidade ata 2027

A incorporación do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) e do Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) sitúa en dez o número de centros que contan co selo CIGUS, que avala a calidade e o impacto da súa investigación. A Rede CIGUS é unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia, que vertebra e dá visibilidade á investigación universitaria excelente desenvolvida neste territorio e concrétase na súa firme aposta polo crecemento económico, o benestar social e o desenvolvemento futuro de Galicia.
Estes dous centros únense aos oito centros que xa formaban parte da Rede: o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC; cinco centros da USC: o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE); e tres centros adscritos á UVigo: o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (AtlantTic), o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (Cinbio) e o Centro de Investigación Mariña (CIM).
Ademais, nesta última convocatoria, á que a Xunta de Galicia destinou 23,6M€ para que os centros de investigación desenvolvan a súa actividade científica con maior estabilidade ata 2027, súmase unha nova categoría de centros colaboradores. Estes centros, que aspiran a entrar nos próximos anos á Rede CIGUS son o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) da UDC, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) e o Centro de Investigación Interuniversitario en Economía e Empresa para a Sociedade (ECOBAS), ambos da UVigo. Estes tres centros de investigación tamén recibirán financiación autonómica para desenvolver os seus proxectos de investigación.