A Rede CIGUS visita o sistema de investigación catalán
30 de Novembro de 2021
A Rede de Centros de Investigación do SUG realizou os días 27 e 28 de outubro unha visita de traballo ao sistema de investigación catalán

A delegación, encabezada polo Secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, contou coa participación dos vicerreitores de investigación das tres universidades galegas (Salvador Naya Fernández da UDC, Vicente Pérez Muñuzuri da USC e Belén Rubio Armesto da UVIGO) e directores, subdirectores e xestores principais das entidades que integran a Rede de Centros de Investigación do SUG.
Estas entidades, CITIC, CIMUS, CIQUS, CITIUS, CIM, CINBIO e ATLANTTIC, puideron compartir experiencias e coñecer a xestión organizativa e científica de cinco centros: IDIBAPS, I2CAT, ICFO, CED e ICTA, que representan modelos diferentes de éxito no sistema de investigación catalán. Estas sesións de aprendizaxe mutua contribuíron ademais a ampliar a rede de contactos dos centros e a situar á Rede de Centros de Investigación do SUG no panorama nacional.
A Rede de Centros de Investigación do SUG está integrada polos centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia acreditados como tales pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade: CITIC (UDC); CIMUS, CIQUS, CITIUS, IGFAE (USC); e CIM, CINBIO e ATLANTTIC (UVIGO), e está concibida como un foro de reflexión, expresión e achega de ideas comúns entre estes centros universitarios e a Secretaría Xeral de Universidades e unha ferramenta fundamental para potenciar o fortalecemento e a excelencia do sistema e mellorar o seu posicionamento a nivel nacional e internacional.
