A Xunta e os centros da Rede CIGUS preparan un plan para impulsar a investigación de excelencia en Galicia

23 de Maio de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e os representantes dos oito centros da Rede abordaron as principais accións estratéxicas do plan de traballo, así como a proposta de financiamento dos centros de investigación para os próximos anos

A Xunta e os centros da Rede CIGUS preparan un plan para impulsar a investigación de excelencia en Galicia

Representantes dos oito centros da Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (Rede CIGUS) reuníronse co conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, para abordar o deseño do novo plan de traballo.

Este plan ten como principal obxectivo implementar accións estratéxicas e coordinadas entre os centros da Rede CIGUS, que contribúan a consolidar a súa excelencia, incrementar o seu impacto social e situar o sistema de investigación universitario galego como referente científico no panorama nacional e internacional. Tamén incluirá actividades de networking con outros sistemas de investigación, a formación do persoal investigador e de xestión, así como a integración da perspectiva de xénero na xestión dos centros e o deseño da investigación, entre outras iniciativas. Durante a sesión, tamén se abordaron as necesidades de financiamento dos centros de investigación para os próximos anos.

Ademais dos representantes da Rede CIGUS e do propio conselleiro, ao encontro tamén asistiron os membros do Grupo de Traballo de Alto Nivel, formado por Carmen Vela, investigadora e ex secretaria de Estado de Investigación; Lluís Rovira, director dos centros de investigación de Cataluña, Luis Sanz-Menéndez, investigador do Instituto de Políticas e Bens Públicos do CSIC, así como o secretario xeral da Secretaría Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e a nova subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, Irene Bonome Gradaílle, e parte do seu equipo.

Subir ao principio Subir ao principio