Ábrese a convocatoria das Bolsas de verán CiTIUS 2026

12 de Maio de 2026

Ábrese a convocatoria das Bolsas de verán CiTIUS 2026

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) pertencente á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema galego de investigación que acreditaron a súa excelencia científica abre a convocatoria anual das súas Bolsas de Verán, a través da cal se ofrecen 15 axudas dirixidas a alumnado de grao interesado en realizar a súa primeira experiencia investigadora no ámbito das Tecnoloxías Intelixentes (TI).

Estas bolsas están orientadas a facilitar estadías formativas durante o mes de xullo, nas que as persoas seleccionadas poderán achegarse e tomar contacto coas liñas dos distintos Ámbitos Científicos do centro.

As áreas de traballo inclúen, entre outras, Intelixencia Artificial fiable, Tecnoloxías lingüísticas, Aprendizaxe e razoamento automáticos, Robótica, Computación de altas prestacións, Realidade virtual e aumentada, Visión por computador, Ciencia e enxeñaría de datos e procesos, e Deseño electrónico de dispositivos intelixentes. Ademais, durante o período da bolsa, o alumnado poderá participar na actividade formativa do CiTIUS, que inclúe cursos especializados, conferencias impartidas por persoal investigador internacional de referencia e presentacións de ferramentas de última xeración no ámbito das TI.

As axudas contan cunha dotación de 850€ brutos, á que se engade unha axuda adicional para estudantes non residentes en Santiago de Compostela destinada a gastos de transporte: ata 300€ para alumnado de fóra de Galicia e ata 80€ para estudantes doutros concellos da comunidade.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o luns 18 de maio ás 23:59 horas (CEST).

Subir ao principio Subir ao principio