Ábrese a convocatoria de bolsas da IX CiMUS Summer School 

27 de Abril de 2026

Ábrese a convocatoria de bolsas da IX CiMUS Summer School 

O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), pertencente á Rede CIGUS -unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema galego de investigación con acreditada excelencia científica-, abre unha nova convocatoria do seu programa de bolsas de verán, a través do cal se ofrecen 10 bolsas remuneradas, cunha dotación de 750 € brutos, para realizar estadías en grupos de investigación do centro durante o mes de xullo. 

Esta iniciativa, correspondente á IX edición do programa CiMUS Summer School, está dirixida a estudantes de grao interesados en ter unha primeira experiencia en investigación no ámbito das Ciencias da Vida. As estadías desenvolveranse do 1 ao 31 de xullo e permitirán ás persoas seleccionadas levar a cabo un breve proxecto de investigación baixo a supervisión dun investigador ou investigadora principal do centro. 

Para poder optar a estas bolsas, as persoas candidatas deberán ter superado polo menos o 55% dos créditos dos seus estudos de grao en Bioloxía, Farmacia, Medicina, Química ou outra titulación relacionada, cursados en calquera universidade, e contar cunha nota media igual ou superior a 8 sobre 10. 

Toda a información detallada sobre os requisitos e o procedemento de solicitude pode consultarse na ligazón directa habilitada na páxina web do CiMUS. 

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 29 de abril ás 23:59 horas. 

Subir ao principio Subir ao principio