Esta formación permitiu ofrecer unha visión estratéxica e práctica do ciclo de preparación de propostas para Horizonte Europa, con especial atención ás convocatorias orientadas a fortalecer a competitividade industrial europea e a fomentar a adopción de innovacións tecnolóxicas por parte das empresas. Ao longo das distintas sesións abordáronse os principais programas e partenariados europeos vinculados ao ámbito industrial, analizando as súas características e o seu papel no impulso de proxectos de I+D+i. Así mesmo, dedicouse un espazo destacado ao estudo de diversas fórmulas de colaboración, incluídas as estratexias para a creación de consorcios e outras vías destinadas a favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía desde os centros.
O desenvolvemento da actividade tamén abordou competencias clave para a avaliación de modelos de negocio orientados á explotación de resultados de investigación, incorporando un enfoque empresarial. Traballouse igualmente na xestión da propiedade intelectual, a confidencialidade e a elaboración de acordos que garantan a protección e o uso axeitado dos resultados obtidos. Ademais, analizáronse vantaxes e limitacións en áreas críticas como a explotación, a internacionalización, os riscos e o financiamento, co fin de optimizar a colaboración coa industria.
Esta formación estivo dirixida a xestores e xestoras de transferencia, así como ao persoal de xestión de proxectos e de investigación dos centros da Rede CIGUS implicados en procesos de colaboración coa industria. Desenvolveuse en modalidade de videoconferencia os días 7 e 9 de maio, completando un total de 13 horas de formación. O docente responsable foi Javier Medina Antón, socio fundador de Qi Energy, especialista na preparación, xestión e execución de programas e subvencións europeas e internacionais. A súa traxectoria inclúe o deseño de modelos de negocio, o desenvolvemento de operacións de transferencia tecnolóxica e a participación como asesor en procesos de revisión de propostas, entre eles para o programa EIC Accelerator da Comunidade de Madrid e para o Departamento de Medio Ambiente do Goberno Vasco.