Esta formación ofreceu unha aproximación detallada ao marco europeo RM Comp, presentado como unha ferramenta clave para o recoñecemento profesional e a planificación da carreira do persoal de xestión da investigación. Tamén se examinou o modelo de progresión asociado a RM Comp, que abrangue os niveis RM1 a RM4, explicando a súa estrutura e a súa aplicación en contextos institucionais.
O desenvolvemento da actividade permitiu, ademais, identificar ferramentas e recursos específicos baseados en RM Comp que facilitan a implantación de estratexias de desenvolvemento profesional dirixidas ao persoal de xestión da investigación.
Esta formación estivo dirixida ao persoal directivo, de xestión e administrativo dos centros da Rede CIGUS. Realizouse o 15 de maio en modalidade de videoconferencia en tempo real, cunha duración de dúas horas. A actividade foi impartida por Mary Kate O’Regan, co apoio da Dra. Olivia O’Leary. Mary O’Regan conta cunha sólida experiencia no ámbito da investigación e dedicou gran parte da súa traxectoria ao apoio integral do persoal investigador. Actualmente é a persoa de contacto de Recursos Humanos para o persoal investigador da Universidade de Cork (UCC), institución que conta con 990 investigadores. Ao longo da súa carreira deseñou e implementou diversas iniciativas de formación e desenvolvemento profesional, ademais de supervisar o proceso HRS4R.