Amparo Alonso e Bertha Guijarro, investigadoras do CITIC, fundadoras da Sociedade Española de Intelixencia Artificial

17 de Abril de 2023

Amparo Alonso e Bertha Guijarro, investigadoras do CITIC, fundadoras da Sociedade Española de Intelixencia Artificial

Amparo Alonso e Bertha Guijarro, investigadoras do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC), adscrito á Universidade da Coruña e pertencente á Rede CIGUS, forman parte do equipo fundador da Sociedade Española de Intelixencia artificial en Biomedicina (IABiomed) creada recentemente. Esta entidade ten como obxectivo fomentar a investigación e o desenvolvemento da IA aplicada á biomedicina, unha área na que esta tecnoloxía está a ter gran transcendencia.

O nacemento desta entidade está estreitamente relacionado con ambas as investigadoras, pois a súa orixe xorde da creación en 2018 da Rede Temática sobre IA en Biomedicina, da que formaba parte o grupo de investigación LIDA da UDC, dirixido por Amparo Alonso e representado na rede por Bertha Guijarro.

«A intelixencia artificial ten aplicacións cada vez máis amplas en biomedicina, incluíndo a investigación médica, o diagnóstico de enfermidades, a medicina personalizada e a atención ao paciente. Por iso, parécenos moi relevante a creación desta sociedade que fomenta a colaboración entre profesionais de diferentes áreas», sinalaron as investigadoras do CITIC e cofundadoras da entidade.

A entidade está integrada por 42 investigadores e investigadoras de 16 provincias españolas e ten como obxectivo favorecer a investigación colaborativa e multidisciplinaria na área de IA en biomedicina. Un dos obxectivos clave de IABiomed é establecer vínculos e sinerxías con empresas e organismos públicos e privados que se poidan beneficiar de maneira directa e indirecta das actividades e aplicacións da IA no campo da biomedicina.

Os esforzos de IABiomed irán principalmente destinados a atopar solucións para os retos presentes e futuros deste campo da investigación sanitaria, tales como a falta de tratamentos para enfermidades raras, os problemas derivados da resistencia aos antibióticos, novas pandemias ou a mellora dos procesos clínicos.

Subir ao principio Subir ao principio