Ángel Carracedo, investigador do CiMUS, novo membro da Real Academia de Medicina de Galicia

3 de Abril de 2023

Ángel Carracedo, investigador do CiMUS, novo membro da Real Academia de Medicina de Galicia

Ángel Carracedo na súa cerimonia de ingreso como académico numerario da cadeira de Medicina Legal da Real Academia de Galicia

O investigador principal do CiMUS, Ángel Carracedo, ingresou como académico numerario da cadeira de Medicina Legal da Real Academia de Galicia.

Carracedo, catedrático de Medicina Legal da USC, exerce o seu labor investigador no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), adscrito á Rede CIGUS.

As súas importantes contribucións á patoloxía forense sitúano como o maior expoñente mundial da medicina forense, especialmente pola introdución da autopsia molecular. Durante os últimos quince anos, Carracedo centrou a súa investigación no campo da xenética clínica e medicina xenómica. O investigador dirixe actualmente o grupo Genomics and Bioinformatics no CiMUS e coordina o traballo do Grupo de Medicina Xenómica, constituído como un lugar de excelencia onde un centenar de científicos de todo o mundo traballa en dez liñas de investigación. As súas principais áreas de traballo inclúen a xenética do cancro, a farmacoxenómica ou as enfermidades psiquiátricas en idade infantil.

Entre 1994 e 2012 foi o director do Instituto de Medicina Legal da USC e desde 1999 dirixe a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (Sergas-Xunta de Galicia). A este cargo súmase o de director do Centro Nacional de Xenotipado-ISCIII, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), e o de xefe de grupo do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Raras (CIBERER).

O ingreso na Real Academia Galega engádese á longa lista de recoñecementos que Carracedo foi recibindo ao longo da súa carreira. Entre eles destacan a Medalla de Ouro e Prata de Galicia, o Premio Rei Jaume I de Investigación Médica, a Medalla Adelaide (a distinción máis importante no ámbito mundial en medicina forense), a Medalla Galien (popularmente coñecida como «o Premio Nobel» do Medicamento), o Premio Nacional de Xenética, o Premio Prismas de Divulgación, o Premio Galicia de Investigación, a Medalla Castelao e o Premio Novoa Santos. Ademais, conta co distintivo de doutor honoris causa en varias universidades de Europa e América.

Subir ao principio Subir ao principio