As traxectorias científicas de Cristina Gómez e Sara González, investigadoras do CRETUS, reciben o recoñecemento da Real Academia Galega de Ciencias

5 de Decembro de 2024

As traxectorias científicas de Cristina Gómez e Sara González, investigadoras do CRETUS, reciben o recoñecemento da Real Academia Galega de Ciencias

A RAGC e a Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) recoñecen a través da convocatoria «Premios RAGC-UIE para investigadores mozos» as carreiras científicas das investigadoras Cristina Gómez e Sara González, investigadoras do CRETUS, que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica. 

A través deste premio, a RAGC-UIE quere impulsar a investigación científica en Galicia, recoñecendo e potenciando a traxectoria de investigadores/as novos/as que desenvolven a súa carreira en centros da comunidade galega, contribuíndo así á promoción do coñecemento científico como motor de progreso. 

Na área de Ciencias Sociais, o premio recaeu en Cristina Gómez (Psicoloxía social, Básica e Metodoloxía da USC) polo seu labor no campo da psicoloxía política, a acción colectiva e o comportamento das persoas en contextos de crises sociais e políticas, así como o seu traballo no campo da percepción social de temas ambientais que desenvolve en CRETUS. 

Na área de Ciencias Técnicas, Sara González (Enxeñaría Química da USC) recibiu o premio de accésit que recoñece a súa intensa labor en liñas de investigación como economía circular, o estudo da pegada ambiental e a análise da sustentabilidade; utilizando a metodoloxía de análise do ciclo de vida (ACV) en sistemas industriais, agroalimentarios, urbanos e forestais. Sara conta cunha gran traxectoria produtiva en investigación e transferencia de resultados ao entorno empresarial e está incluída no “Top 2%” de investigadores máis citados segundo a lista elaborada pola Universidade de Stanford. 

Ademais das investigadoras de CRETUS, foron recoñecidas as investigadoras Beatriz Pelaz (CIQUS) e Belén Riveiro (CINTECX). 

Subir ao principio Subir ao principio