atlanTTic asesora a ESA no deseño de telescopios espaciais máis resistentes ás altas temperaturas
27 de Agosto de 2023

O traballo dos investigadores do grupo de Tecnoloxía Aeroespacial de atlanTTic, centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, axudará a Axencia Espacial Europea (ESA) no deseño de telescopios espaciais máis resistentes ás altas temperaturas.
A enxeñeira aeronáutica, Uxía García Luis, que forma parte deste grupo, desenvolveu un sistema de análise termoelástico utilizando como casos de estudo os dous telescopios que impulsa o Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC). Desde setembro, participa en dous proxectos do grupo financiados polo Ministerio de Ciencia e a ESA que supoñerán avanzar neste estudo e na avaliación óptica. «Durante a miña tese centreime na parte termoelástica, que ten que ver coa análise térmica e estrutural. Agora, co proxecto da ESA, poderei pasar a unha segunda fase máis relacionada coa avaliación óptica, o que se denomina Structural Thermal Optical Performance (STOP)», explicou.
«Este tipo de análise realízase desde hai anos antes de deseñar a estrutura, por exemplo, para decidir en que partes utilizar materiais que non se deformen para non afectar a óptica. Non obstante, ata o de agora só se levaban a cabo en proxectos moi grandes porque son moi complexos. Implican dominar tres disciplinas diferentes e unilas despois na parte práctica tamén é moi difícil. Por iso era necesario que a ESA publicase estas normas», tal e como describe a investigadora.
«A ESA ten unha forma de abordar o problema un pouco diferente, pero nós utilizamos un método de incertezas para detectar que parámetros poden afectar en maior medida á óptica do telescopio. Desta forma, o enxeñeiro encargado de deseñalo poderá centrar os seus esforzos en solucionar aqueles problemas con maior efecto na súa capacidade», subliña a enxeñeira de atlanTTIC.