atlanTTic colabora no proxecto europeo EWOC para mellorar as redes 5G

4 de Marzo de 2025

atlanTTic colabora no proxecto europeo EWOC para mellorar as redes 5G

Un grupo de investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, que pertence á Rede CIGUS – unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica-, participa no proxecto internacional EWOC (Enabling Virtualized Wireless and Optical Coexistence for 5G and Beyond).


O propósito principal deste proxecto, financiado polo programa Horizon Europe-MSCA-DN (Marie Skłodowska-Curie Actions) con 2,3 millóns de euros, é avanzar na optimización destas redes para conseguir que sexan máis rápidas, eficientes e fáciles de usar. “EWOC busca desenvolver unha nova solución de rede óptica e sen fíos, flexible e virtualizada, para optimizar os recursos das redes 5G e posteriores (B5G), aumentando de xeito significativo a eficiencia espectral”, sinala Felipe Gil Castiñeira, investigador de atlanTTic e docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, quen coordina o proxecto na UVigo.


O pasado mes de febreiro celebrouse a oitava xornada plenaria do consorcio, unha reunión das entidades socias para analizar o progreso e definir os seguintes pasos do proxecto coordinado polo Instituto de Telecomunicações. Xunto a atlanTTic participan unha decena de socios: Universitat Politècnica de Catalunya; Politécnico de Torino; Technische Universität Dresden; University of South Wales e as empresas Huawei Sweden, YLO-Verkot, Top-IX e ISRD, de nove países: Portugal, España, Italia, Alemaña, Reino Unido, Suecia, Finlandia, Polonia e Francia.

Subir ao principio Subir ao principio