atlanTTic desenvolve o asistente conversacional CELIA para combater a soidade non desexada

2 de Xaneiro de 2024

Este sistema serve para combater a soidade non desexada entre as persoas de idade avanzada e detectar de forma precoz enfermidades cognitivas neurodexenerativas

atlanTTic desenvolve o asistente conversacional CELIA para combater a soidade non desexada

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo (atlanTTic), que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, desenvolveu o asistente de conversación CELIA. Este sistema serve para combater a soidade non desexada entre as persoas de idade avanzada e detectar de forma precoz enfermidades cognitivas neurodexenerativas.

O proxecto, liderado por Francisco Javier González Castaño, director do proxecto en atlanTTic, busca dar resposta a dous dos retos máis complexos que afronta a sociedade actual. Como explica o director de CELIA, Pablo Campos, «trátase dun proxecto innovador de intelixencia artificial co que mellorar a calidade de vida das persoas de idades avanzadas en varios contextos, no emocional e no sanitario».

Por outra parte, na actualidade non existen mecanismos efectivos de detección temperá para enfermidades cognitivas como o alzhéimer ou a demencia. Non obstante, comprobouse que o tratamento en etapas iniciais pode axudar a atrasar a súa progresión e a mellorar a calidade de vida destes pacientes. Ante este contexto, un equipo de atlanTTic traballa desde hai cinco anos para dar resposta a ambos os retos. Da valorización destes traballos, nace CELIA, o primeiro asistente de conversación que permite o uso da voz e pon a intelixencia artificial ao servizo das persoas.

O asistente foi deseñado para acompañar, conversar e entreter con empatía as persoas de idade avanzada, ao mesmo tempo que monitoriza a saúde cognitiva dos seus usuarios a través da análise da linguaxe e da voz. Neste sentido, comprobouse que a voz é unha ferramenta biométrica cuxos parámetros permiten monitorizar enfermidades neurolóxicas, emocionais ou cardiorrespiratorias, polo que no futuro se ampliará o número de enfermidades que se controlará mediante estas ferramentas de intelixencia artificial.

Subir ao principio Subir ao principio