AtlanTTic e os seus proxectos de investigación en física cuántica no seu día mundial
17 de Abril de 2023

O 14 de abril celébrase cada ano o Día Mundial da Cuántica. Esta rama da física que estuda a aplicación dos principios da mecánica cuántica para desenvolver novas tecnoloxías e mellorar as existentes permite unha comunicación máis rápida e segura, unha computación máis eficiente e sensores máis precisos.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo (atlanTTic), pertencente á Rede CIGUS, é o centro de referencia en Galicia de investigación en física cuántica. Aproveitando esta data, atlanTTic presenta os seus principais proxectos neste campo:
- Vigo Quantum Communication Center (VQCC)
O Centro de Comunicacións Cuánticas de Vigo (VQCC) comezou a súa andaina cun equipo científico de 8 persoas coordinadas polos investigadores de atlanTTic Marcos Curty, director científico, e Francisco J. Díaz Otero, ambos os dous docentes de Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo.
O obxectivo da iniciativa é converterse no instituto de investigación líder mundial na comprensión e no desenvolvemento de tecnoloxías de comunicacións cuánticas, que representarán o motor principal da industria das telecomunicacións do futuro. Este obxectivo vai atraer a España científicos de talle mundial, persoal investigador de posdoutoramento e estudantado de posgrao para abordar problemas científicos clave na vangarda das comunicacións cuánticas e as súas aplicacións.
Ademais, promoverase a educación en cuántica entre estudantes nun ambiente de investigación internacional, e construiranse asociacións sólidas e duradeiras con industrias, universidades, centros tecnolóxicos e o sector público para desenvolver aplicacións prácticas da seguridade dos datos na era cuántica.
A súa principal actividade centrarase en cinco áreas de investigación, representadas polos laboratorios Satellite Quantum Hub, Quantum Communication Theory Group, Quantum Communication Technology Group, Integrated Photonics Lab e Quantum Hacking & Certification Lab.
- Quantum Safe Internet (QSI)
O proxecto QSI é unha rede de doutoramento MSCA-DN coordinada polo investigador e catedrático Marcos Curty que ten como finalidade capacitar investigadores de doutoramento para dar os seguintes pasos no ámbito da ciberseguridade a través do desenvolvemento de tecnoloxías novas na investigación de esquemas criptográficos cuánticos para redes cuánticas e a distribución de claves cuánticas con seguridade e prestacións melloradas.
O consorcio do proxecto inclúe outras seis universidades europeas de excelencia (Sorbonne Université, Università degli Studi dei Padova, Ruhr-Universitaet Bochum, Universiteit Van Amsterdam, Technische universiteit eindhoven e Danmarks tekniske universitet), distribuídas en cinco países.
- Caramuel
Marcos Curty participa tamén no estudo de viabilidade de Caramuel, a primeira misión satelital en órbita xeoestacionaria no ámbito mundial orientada á distribución de claves cuánticas. Con orzamento da ESA e liderado por Hispasat, contribuirá á iniciativa European Quantum Communication Infrastructure (EuroQCI) da Comisión Europea no campo espacial. Como proba de concepto desta misión, establecerase unha conexión vía satélite de distribución cuántica de claves entre dous nodos que, pola súa vez, estean conectados por infraestrutura terrestre cos centros emisores e receptores do sinal. É dicir, cos usuarios que queiran compartir a clave cuántica para poder cifrar as súas mensaxes de forma segura.
Así, o proxecto servirá como proba piloto de novas formas de envío de comunicacións encriptadas en contornos gobernamentais, grandes corporacións e infraestruturas críticas. Curty participa liderando o paquete de traballo relacionado coa avaliación de protocolos e forma parte do comité asesor da misión.
- QUantum-based Resistant Architectures and Techniques (QURSA)
A iniciativa QURSA aborda os desenvolvementos científicos e técnicos necesarios para formar unha rede QKD flexible con topoloxía xeral, orquestrada con principios SDN e capaz de distribuír a nodos e dispositivos variados claves cuánticas fortes como un servizo máis de rede. Ademais da arquitectura, os elementos de control SDN e os mecanismos QKD físicos máis adecuados, QURSA prevé o desenvolvemento de nodos de terminación da rede híbrida clásico-cuántica desde onde sexa posible obter esas claves para incorporalas a dispositivos concretos ou a protocolos comúns de Internet, integrándoas directamente en PQC para incrementar a súa seguridade.
Co apoio de entidades promotoras, prevese construír unha proba de concepto demostrativa desta solución. Ana Fernández Vilas e Manuel Fernández Veiga, que forman parte do equipo investigador de atlanTTic, lideran este proxecto TED.