O atlanTTic organiza unha xornada sobre ciberseguridade durante o ciclo «Conectando en igualdade»

14 de Maio de 2024

O atlanTTic organiza unha xornada sobre ciberseguridade durante o ciclo «Conectando en igualdade»

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, realizou a terceira e última xornada «Conectando en igualdade: a transformación do futuro tecnolóxico», coa que se lle puxo o broche de ouro a este ciclo de sesións sobre tecnoloxía e igualdade.

Na apertura da xornada contouse coa participación de Manuel J. Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Martín Llamas Nistal, director de atlanTTic; Rebeca P. Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñería de Telecomunicación, e Mar F. Cendón, técnica da Unidade de Igualdade, que deron paso a unha mesa redonda que se encargou de moderar a investigadora de atlanTTic e profesora da EET, Edita de Lorenzo.

Chamada a que sexan elas as que actúen como axentes de cambio

Participaron nesta mesa redonda catro expertas en ciberseguridade, tanto do ámbito empresarial coma do académico: Ana Fernández Vilas, investigadora de atlanTTic e coordinadora da Cátedra R en Ciberseguridade e do máster interuniversitario MUniCS; Eduvigis Ortiz, presidenta e fundadora de Women4Cyber Spain; Pilar Vila, CEO en Forensic & Security; e Elena Rodríguez Lois, investigadora da área de Ciberseguridade de atlanTTic.

As catro tiveron a oportunidade de relatar a súa experiencia ao longo da súa traxectoria como mulleres enxeñeiras no sector da ciberseguridade, poñendo o foco na baixa representación feminina en carreiras técnicas e na brecha de xénero que segue existindo neste campo. A maiores, coincidiron tamén en facer fincapé na importancia de mudar esta mirada, para o cal se considerou importante que sexan as propias mulleres as que actúen como axentes de cambio.
A transformación do mundo da tecnoloxía, incorporando unha perspectiva multidisciplinaria e unha visión máis feminista e diversa, foi a principal reivindicación da xornada, á que se uniron outras como que todas e todos debemos ter as mesmas opcións de futuro, algo que, ao seu xuízo, só se conseguirá educando en igualdade de oportunidades.

Todas as xornadas organizadas no marco deste ciclo contaron co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, grazas ás axudas do Distintivo de Igualdade obtido polo centro atlanTTic en 2023.

Subir ao principio Subir ao principio