atlanTTic participa como socio do proxecto europeo de fotónica RETINA
13 de Marzo de 2024
O proxecto, que arrancou o pasado mes de decembro e durará catro anos, conta cun orzamento de 6,2 millóns de euros e está coordinado polo Centro Tecnolóxico AIMEN
O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo (atlanTTic), que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, é un dos 13 socios que participan no proxecto europeo RETINA, que ten por obxectivo desenvolver dous sensores baseados en tecnoloxías fotónicas para mellorar procesos no ámbito da saúde, a automoción e a agricultura.
O proxecto, que arrancou o pasado mes de decembro e durará catro anos, conta cun orzamento de 6,2 millóns de euros e está coordinado polo Centro Tecnolóxico AIMEN. O consorcio está composto por socios académicos, pemes e grandes actores clave de sete países da Unión Europea: catro RTO (a Asociación de Investigación Metalúrgica do Noroeste en España, o IMEC en Bélxica, a Universidade de Vigo e o Instituto Fraunhofer Heinrich-Hertz en Alemaña); unha grande empresa (Quest Medical Imaging B.V nos Países Baixos), cinco pemes (Photonfocus AG de la Suissa, Aeromedia Uav, SL e Abraia Software, SL de España, Xenomatix de Bélxica e Tematys de Francia), dúas asociacións empresariais (a Associação para o Desenvolvimento da Viticultura Duriense de Portugal e o European Photonics Industry Consortium de Bélxica) e un hospital (o Leiden University Medical Center dos Países Baixos).
Os obxectivos de RETINA son desenvolver un concepto innovador de LiDAR baseado en PIC altamente escalable, desenvolver xeradores de imaxes espectrais instantáneas para sistemas sensoriais rendibles e de alta resolución, establecer técnicas de software innovadoras e servizos para o desenvolvemento dunha plataforma de detección baseada en aplicacións fiables e precisas, e apoiar o liderado tecnolóxico do ecosistema fotónico da UE impulsando o crecemento en industrias estratéxicas.