atlanTTic participa na misión Artemis II da NASA 

30 de Marzo de 2026

atlanTTic participa na misión Artemis II da NASA 

Un grupo de investigadores de atlanTTic, centro de investigación adscrito á Universidade de Vigo e integrante da Rede CIGUS —unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema galego de investigación que teñen acreditada a súa excelencia científica—, participa na misión Artemis II da NASA, a primeira misión lunar tripulada desde os anos 70.

O Grupo de Tecnoloxía Aeroespacial (ATRG) contribúe a esta histórica misión, que despegará desde o Centro Espacial Kennedy a comezos de abril de 2026, levando a catro astronautas nun voo arredor da Lúa de aproximadamente dez días. O obxectivo principal desta misión é poñer a proba os sistemas críticos da nave Orion en condicións reais de espazo profundo.

O papel de atlanTTic céntrase no seguimento terrestre da cápsula Orion, en colaboración coa empresa española Integrasys, seleccionada pola NASA para monitorizar os sinais de radio emitidos pola nave ao longo de toda a misión mediante o principio do efecto Doppler. Estes sinais, transmitidos en banda S, permiten determinar con precisión a posición e a traxectoria da nave en tempo real, e as antenas da UVigo e de Integrasys actúan como estacións de escoita especializadas.

Este traballo require un alto nivel de especialización en enxeñaría aeroespacial. Segundo indican desde a UVigo, o equipo de operadores de atlanTTic traballará de maneira ininterrompida durante os dez días da misión para procesar os datos, desenvolvendo un labor de seguimento técnico clave para garantir que a nave se manteña na traxectoria prevista pola NASA.

Esta participación reflicte o compromiso da UVigo e de atlanTTic, como centro integrante da Rede CIGUS, cunha investigación rigorosa e demostra o potencial dos centros de investigación de Galicia para formar parte de iniciativas científicas de alcance internacional. 

Subir ao principio Subir ao principio