atlanTTic participa no ‘megaproxecto’ europeo DistriMuSe, que busca mellorar a seguridade das persoas e protexer a súa saúde
13 de Xaneiro de 2025

AtlanTTic, centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, participa no ‘megaproxecto’ europeo DistriMuSe, unha iniciativa que reúne a medio centenar de entidades de sete países para mellorar a seguridade e a saúde das persoas mediante tecnoloxías avanzadas.
Con un orzamento total de 34,7 millóns de euros, a Universidade de Vigo recibe preto de 500.000 euros para este proxecto, no que traballan 14 investigadores liderados por Felipe Gil e Pablo Fondo, do Grupo de Tecnoloxías da Información. Coordinado polo Centro de Investigación Técnica VTT de Finlandia, o obxectivo do proxecto é desenvolver sistemas multisensor e de aprendizaxe automático que melloren a detección da presenza e o comportamento humano en distintos contornos.
Os investigadores de DistriMuSe traballan na creación dunha arquitectura distribuída que permita integrar sensores capaces de captar a presenza humana, o seu estado físico e mental, así como as súas actividades e intencións. Para iso, empregan tecnoloxías como radar, lidar, cámaras e dispositivos portátiles, garantindo unha monitorización continua e discreta. A combinación destes sensores busca optimizar a interacción con dispositivos intelixentes, minimizando os riscos tecnolóxicos e protexendo a privacidade dos usuarios.
O proxecto contempla tres casos de uso principais: o diagnóstico baseado en medicións no fogar para mellorar a atención sanitaria, a protección de peóns e ciclistas mediante solucións de tráfico automatizadas e a interacción segura entre humanos e robots en fábricas. No primeiro caso, que involucra ao grupo de Tecnoloxías Multimedia dirixido por Carmen García Mateo, investígase o uso do audio como ferramenta para monitorizar a actividade de persoas maiores ou con deterioro cognitivo leve.
DistriMuSe, que se desenvolverá durante 36 meses, dá continuidade ao proxecto europeo NextPerception, no que a Universidade de Vigo tamén participou. A súa experiencia en redes 5G e computación aplicada a estes contornos foi clave para a súa integración neste consorcio, que reúne universidades, centros de investigación e empresas de Finlandia, Italia, Alemaña, República Checa, Bélxica e Países Baixos. Entre as entidades españolas participantes atópanse Acorde Technologies, Safran Electronics and Defense, Evotel Informática e HI Iberia Ingeniería y Proyectos.