CITIC

Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións

Logo CITIC color

Universidade da Coruña
Ámbito: TIC

O CITIC é un centro de investigación, creado en 2008 pola Universidade da Coruña, que promove o avance e a excelencia na I+D+i no uso das TIC.

A investigación do CITIC divídese en cinco áreas estratéxicas de investigación: intelixencia artificial, ciencia e enxeñería de datos, computación de alto rendemento e redes e servizos intelixentes e ciberseguridade, área transversal que complementa as catro anteriores.

O centro desenvolve unha investigación e innovación aplicadas para darlle servizo á sociedade e ás necesidades do contorno, con proxectos en campos tan decisivos como a sostibilidade, o deseño e implantación de algoritmos verdes, a promoción da eficiencia enerxética, a mellora na saúde e na calidade de vida das persoas, o terceiro sector (ONG) etc.

Na actualidade, é un centro de referencia no ámbito da intelixencia artificial e a ciencia de datos no sistema español de ciencia, tecnoloxía e innovación.

ÁREAS DE INVESTIGACIÓN

Intelixencia artificial Intelixencia artificial
Ciencia e enxeñería de datos Ciencia e enxeñería de datos
Computación de altas prestacións Computación de altas prestacións
Servizos e redes intelixentes Servizos e redes intelixentes
Ciberseguridade Ciberseguridade
30

proxectos europeos no período 2020-2023

137

proxectos de investigación competitivos en 2020-2023

189

contratos asinados con empresas e entidades para transferencia (período 2020-2023)

+17,5 M€

captados en convocatorias competitivas 2020-2023

863

publicacións en 2020-2023

PROXECTOS DESTACADOS

A popularización da tecnoloxía da información e Internet resultou nun crecemento sen precedentes da escala á que individuos e institucións xeran, comunican e acceden á información. Neste contexto, o uso efectivo da vasta cantidade de datos dispoñibles para descubrir e responder ás necesidades da xente é un problema fundamental das sociedades modernas. Posto que a maioría desta información circulante está en forma de linguaxe humana escrita ou falada, as tecnoloxías de procesamento de linguaxes naturais (PLN) son un recurso clave para este obxectivo crucial.

Este PLN pode ser usado para romper barreiras lingüísticas (tradución automática), encontrar a información requirida (motor de busca, busca de respostas), monitorizar a opinión pública (minería de datos) ou converter longas cantidades de texto non estruturado nun formato máis conveniente (extracción da información, recapitulación), entre outras aplicacións. Estas e outras tecnoloxías de PLN dependen da exactitude da análise sintáctica para extraer ou analizar o significado das oracións.

Desafortunadamente, os algoritmos para a análise sintáctica máis avanzados teñen na actualidade altos custos computacionais, procesando menos de cen oracións por segundo en hardware estándar. Malia isto ser algo aceptable para traballar con conxuntos pequenos de documentos, é claramente prohibitivo para o procesamento a grande escala, o que constitúe unha gran barreira para a aplicación xeneralizada do PLN.

O obxectivo deste proxecto é eliminar este colo de botella a través do desenvolvemento de analizadores sintácticos veloces que resulten adecuados para o procesamento a escala de web. Para iso, FASTPARSE mellorará a velocidade dos analizadores en varias frontes: evitando cálculos redundantes a través da reutilización de resultados intermedios de oracións previas; aplicando un modelo inspirado nos procesos cognitivos para comprimir e recodificar información lingüística; e explorando regularidades na linguaxe humana para encontrar modelos que os analizadores sintácticos poidan dar por suposto, evitando o seu cálculo explícito. A aplicación conxunta destas técnicas resultará en analizadores sintácticos moito máis rápidos que poden impulsar toda clase de aplicacións das técnicas de PLN a escala web.

Plazo de realización: do 01/02/2017 ao 31/07/2022

Referencia: H2020-ERC-2016-StG (GA 714150)

Ir á páxina do proxecto

3-i ICT (International, Interdisciplinary and Intersectoral Information and Communications Technology PhD Programme) é un innovador programa de doutoramento internacional que lles ofrece oito bolsas a investigadores noveis para poder levar a cabo os seus estudos de doutoramento no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña. Realizaranse dúas convocatorias internacionais e os contratos terán unha duración de 36 meses.

3-i ICT desenvolverase durante 60 meses e proporcionaralles aos investigadores noveis oportunidades únicas para a investigación interdisciplinaria básica e aplicada, a formación e o desenvolvemento profesional. Durante ese tempo, os investigadores noveis adquirirán experiencia profesional e práctica en proxectos interdisciplinarios que servirán como ponte entre diferentes ámbitos científicos.

O programa incluirá traslados en institucións asociadas non académicas en España e outros países. Cada tese terá un supervisor do ámbito das TIC e outro dunha disciplina académica diferente.

Este é o primeiro programa concedido a unha institución galega financiado pola Unión Europea a través do programa de investigación e innovación Horizonte 2020 dentro do acordo Marie Skłodowska-Curie (H2020-MSCA-COFUND), que ofrece financiamento para programas rexionais, nacionais e internacionais para formación e desenvolvemento profesional a través de mecanismos de cofinanciamento. 3-i ICT está cofinanciado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.

Institución financiadora: MARIE SKŁODOWSKA CURIE DOCTORAL FELLOWSHIPS

Plazo de realización: do 1/01/2023 ao 31/12/2023

Referencia: Nº 101034261

Ir á páxina do proxecto

O obxectivo de PILLAR-Robots é desenvolver unha nova xeración de robots dotados dun nivel de autonomía superior, capaces de determinar os seus propios obxectivos e de establecer as súas propias estratexias, aprendendo de forma creativa a partir da experiencia adquirida ao longo da súa vida útil para satisfacer os desexos dos seus usuarios/deseñadores humanos en casos prácticos de aplicación na vida real de nivel TRL5. Para alcanzar este obxectivo, este proxecto porá en práctica o concepto de «propósito», tomado das ciencias cognitivas, co fin de incrementar a autonomía e a independencia de dominios dos robots durante a aprendizaxe autónoma. Ao mesmo tempo, son dirixidos na adquisición do coñecemento e das capacidades relevantes para operar en aplicacións reais obxectivo. En concreto, este proxecto desenvolverá algoritmos para a adquisición do propósito por parte do robot, formas de nesgar os sistemas perceptivos, motivacionais e de toma de decisións das arquitecturas cognitivas dos robots cara aos propósitos, e estratexias para representacións de aprendizaxe, capacidades e modelos que permitan a execución dos procesos de decisión deliberativa e reactiva relacionados cos propósitos. Co obxectivo de alcanzar o nivel TRL5, PILLAR-Robots implementará e validará demostracións de autonomía aberta e deseñada co propósito de perdurar toda a vida, utilizando unha arquitectura cognitiva intrinsecamente motivada e intencionada en tres ámbitos de aplicación diferentes caracterizados por distintos tipos e niveis de variabilidade: a agroalimentación, a educación lúdica e os sectores industrial e retallista non estruturados. PILLAR-Robots realizará unha avaliación completa das posibilidades e do impacto dunha autonomía aberta e deseñada co propósito de perdurar toda a vida nestes ámbitos desde unha perspectiva operativa, pero tamén dirixida ao mercado (con importantes ganancias en produtividade) e unha perspectiva social (socioeconómica, ética e normativa). Espérase que se involucren as pemes e outros axentes do sector co fin de preparar o terreo para unha posterior demostración a grande escala.

Plazo de realización: do 1/10/2022 ao 30/09/2026

Referencia: G.A. 101070381

Ir á páxina do proxecto

Solución baseada en aplicación web e aplicación para a recollida de datos que ofrece modelos de predición xeral e de individuo con detección de anomalías, visualización xeolocalizada e funcións avanzadas de procesamento de datos con intelixencia artificial.

Pártese do deseño dunha mostra aleatoria sobre a poboación española e posteriormente practícase un seguimento utilizando conxuntamente diferentes tecnoloxías: realización de test rápidos e probas PCR para a detección do virus e da presenza de anticorpos; recollida de información xeolocalizada mediante aplicacións móbiles e dispositivos wearables; procesamento e selección de datos relevantes utilizando métodos de intelixencia artificial; e interoperabilidade cos sistemas de información sanitaria utilizando HL7 ou protocolos definidos polos sistemas de saúde.

Destaca este proxecto por ser una proposta de traballo conxunto polos investigadores do CITIC, que en plena pandemia e confinamento deseñaron e comezaron a execución dun proxecto onde se pon de manifesto como a ciencia, a tecnoloxía e a universidade se puxeron ao servizo da sociedade para intentar superar da mellor forma posible a situación de pandemia vivida.

Plazo de realización: do 1/11/2020 ao 31/12/2022

Referencia: IN845D 2020/26

TALENTOS INCLUSIVOS é un proxecto desenvolvido polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña) e ASPACE, e está promovido pola FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía).

O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre a mocidade e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos formulados por persoas con parálise cerebral.

A través deste proxecto, alumnos e alumnas de secundaria e bacharelato de diversos institutos de Galicia terán que buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos que serán propostos por usuarios da entidade ASPACE.

A acción principal é a realización de obradoiros participativos. Formúlanse retos tecnolóxicos para favorecer oportunidades e aprendizaxes vinculadas á ciencia (formulación de hipóteses, observación, resolución de problemas e superación de retos), á innovación en tecnoloxía (experimentación con tecnoloxías diferentes, creatividade, desenvolvemento de solucións tecnolóxicas) e á utilidade social da ciencia (adaptar e resolver retos en función das capacidades e necesidades de persoas con parálise cerebral e obter tecnoloxía que impacte na calidade de vida desta poboación). Os obradoiros participativos confórmanse coa participación de mozos estudantes, profesorado destes centros, persoas con parálise cerebral, profesionais de ASPACE Coruña e membros do CITIC. No curso 2020/21 e a pesar da situación producida pola covid-19, traballouse con oito colexios e máis de 100 alumnos. No curso 2021/22, participaron 10 colexios e máis de 150 alumnos. Os retos tecnolóxicos resólvense empregando diferentes tecnoloxías: realidade aumentada (Scratch), robótica, domótica, produtos de apoio (Makey-Makey) e ocio accesibles (Micro:bit). Realizarase unha difusión e divulgación dos resultados á sociedade. Os resultados son a experiencia vivida nos obradoiros, o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas accesibles e a difusión en medios e na sociedade. O material é de acceso aberto a través da web.

Participan máis de 30 investigadores do CITIC de todas as áreas estratéxicas, facendo o seguimento e titorización dos desenvolvementos tecnolóxicos

Plazo de realización: do 1/06/2020 ao 30/09/2023

Referencia: FCT-19-14646, FCT-20-16226, FCT-21-16637

Ir á páxina do proxecto

OBXECTIVOS DE DESENVOLVEMENTO SOSTENIBLE

Contacto

Icono Webhttps://citic.udc.es/

Icono Emailcitic@citic-research.org

Icono Telefono+34 881 01 5501

Icono Pin MapaDirección. Campus de Elviña s/n
15071 A Coruña - España

Manuel Francisco González PenedoDirector
Subir ao principio Subir ao principio