CiMUS, CiQUS, CiTIUS, CRETUS e IGFAE celebran o décimo aniversario de Ciencia Singular na USC
30 de Outubro de 2026
Os Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) celebraron o sábado 24 de outubro o décimo aniversario de Ciencia Singular, unha xornada de portas abertas que desde 2017 achega á cidadanía a investigación que se desenvolve na universidade. A iniciativa permitiu coñecer o traballo dos cinco centros participantes, pertencentes á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema galego de investigación que acreditaron a súa excelencia científica. A través de obradoiros, experimentos, visitas guiadas e charlas divulgativas, a xornada buscou mostrar a relevancia social do coñecemento científico e fomentar o interese pola ciencia entre persoas de distintas idades.
A programación reuniu investigacións de ámbitos tan diversos como a medicina molecular, a química, as tecnoloxías intelixentes, a física de partículas e a sustentabilidade ambiental. O obxectivo foi ofrecer unha aproximación práctica á actividade dos equipos de investigación.
O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) ofreceu charlas divulgativas sobre a predición do cancro de mama, a obesidade, a detección temperá do cancro e a investigación do párkinson. Os obradoiros permitiron achegarse ao funcionamento do cerebro, aos ritmos circadianos e ao sono, mentres que unha visita á plataforma Innopharma e ao laboratorio de xestión automatizada de compostos mostrou parte das instalacións do centro.
Pola súa banda, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) mostrou como a química contribúe a afrontar desafíos relacionados coa saúde, a enerxía ou os materiais. Entre as actividades figuraron propostas sobre novas modalidades terapéuticas contra o cancro, o transporte de biomoléculas e os materiais sostibles para converter e almacenar enerxía. Os obradoiros experimentais achegaron tamén ao público infantil cuestións como as propiedades da auga, a química da luz e o comportamento de distintos materiais.
A intelixencia artificial e a robótica protagonizaron as actividades do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). As demostracións permitiron descubrir como os sistemas de intelixencia artificial poden recoñecer imaxes e detectar caras, así como coñecer o funcionamento de robots móbiles, drons e sistemas humanoides. O programa incluíu experiencias inmersivas de realidade virtual e charlas sobre supercomputación, semicondutores e modelos de linguaxe. Para o público infantil e xuvenil prevíronse actividades prácticas de programación, electrónica e robótica.
A investigación ambiental estivo representada polo Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), que abordou cuestións como a contaminación da auga, os microplásticos, as PFAS e a presenza de virus nas augas residuais. As visitas aos laboratorios e as demostracións permitiron coñecer métodos para detectar contaminantes e medir o radon, así como explorar alternativas para aproveitar residuos agroalimentarios e recuperar recursos. Os obradoiros dirixidos aos máis pequenos trataron a alimentación sostible, a conservación dos ecosistemas mariños e a problemática do lixo no océano.
Por último, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) completou o percorrido con propostas dedicadas á física de partículas e á investigación dos compoñentes fundamentais da materia. As súas actividades incluíron charlas sobre neutrinos ultraenerxéticos, simulación cuántica e o funcionamento do Gran Colisor de Hadróns (LHC), ademais de experiencias de realidade virtual para explorar o núcleo atómico. Os obradoiros infantís abordaron conceptos como a luz e o electromagnetismo mediante experimentos e actividades prácticas. As visitas guiadas permitiron coñecer as instalacións e os laboratorios do instituto.