CINBIO celebra a III Edición do festival científico CinVigo
30 de Abril de 2025
Os pasados 26, 27 e 28 de abril celebrouse con éxito a III edición do Festival Científico CinVigo, organizado por CINBIO – centro de investigación adscrito á Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS – unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica-.
Co obxectivo de achegar o coñecemento científico a toda a sociedade, máis de 250 estudantes de secundaria, bacharelato e FP dunha trintena de centros educativos de Galicia, participaron -presentando arredor de 70 proxectos- neste evento en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades que celebraba a súa terceira edición
“CinVigo. Ciencia na rúa” pon o foco no fomento das vocacións científicas entre a mocidade e en palabras de Miguel Correa, director do centro de investigación CINBIO, “buscamos multiplicar o retorno á sociedade en forma de coñecemento científico, innovación e formación” ademáis de dar a coñecer a existencia en Vigo dun centro de investigación de excelencia especializado en Nanomateriais e Biomedicina.
Co obxectivo de convertir a cidade de Vigo nun laboratorio aberto, este iniciativa contou cunha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana inclusiva e varios espectáculos científicos.
Na feira presentaronse arredor de 70 proxectos dos centros de secundaria participantes, que trataban de demostrar fenómenos físicos, químicos e naturais. Os traballos gañadores nas categorías de Early researchers para estudantes de 1º e 2º da ESO, Young researchers para 3º e 4º da ESO, e Teen researchers para alumnado de 1º e 2º de Bacharelato e ciclos formativos de FP, foron escollidos polo xurado especializado, mais o premio do público, que se decidiu entre os máis de 12.000 votos rexistrados.