CINBIO celebra un foro de políticas de apoio ao emprendemento e a innovación

28 de Outubro de 2025

CINBIO celebra un foro de políticas de apoio ao emprendemento e a innovación

O centro de investigación en biomedicina e nanomateriais CINBIO, adscrito á Universidade de Vigo e parte da Rede CIGUS —unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema que acreditaron excelencia científica— celebrou un foro de emprendemento no ámbito académico.

Baixo o título “Políticas públicas para a innovación e o emprendemento”, a xornada tivo lugar na sala do edificio CITEXVI e o seu principal obxectivo era discutir e propoñer melloras nas políticas de apoio ao emprendemento e á innovación, así como promover un espazo de encontro entre persoas expertas en políticas públicas, persoal investigador, persoas emprendedoras e empresas.

O director do CINBIO, Miguel Correa, foi o encargado de abrir o encontro, acompañado polo vicedecano da Facultade de Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo, Xosé María Mahou Lago, e por Ángeles López Lozano, directora técnica da Oficina de I+D da Universidade de Vigo, responsable da conferencia inaugural O papel das políticas públicas no fomento do emprendemento.

Durante a xornada, as persoas asistentes puideron coñecer casos de éxito en políticas de innovación e emprendemento grazas á intervención de Juan Luis Romera, técnico do Departamento de Promoción Institucional e Cooperación Territorial do CDTI Innovación. Ademais, na segunda sesión do foro achegáronse ao programa Ignicia mediante a presentación realizada por Raúl Rodríguez Couto, da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación (GAIN), quen subliñou a capacidade deste programa “para impulsar a valorización e a transferencia de resultados de investigación ao mercado”.

Na segunda parte da xornada tivo lugar un coloquio moderado por José Jato, técnico da Oficina de I+D da UVigo, que contou coa participación de Abi Judit Vázquez, cofundadora e COO de Diversa Technologies; Luis Pérez Freire, director xeral de Gradiant; e Miguel Correa, director do CINBIO e investigador principal do grupo TeamNanoTech. A xornada finalizou cun taller práctico para acadar propostas concretas destinadas a mellorar as políticas de apoio ao emprendemento, seguido dunha comida-networking na que as persoas asistentes puideron intercambiar experiencias e xerar novas sinerxías.

Este foro encádrase dentro do programa EMPREN+AP, promovido polo CINBIO en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN) e cofinanciado a través da primeira Convocatoria I+P de axudas á experimentación e innovación en políticas públicas da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), en colaboración co Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e coa Oficina Nacional de Asesoramento Científico (ONAC). Ademais, EMPREN+AP intégrase no marco estratéxico RIS3 Galicia 2021-2027, contribuíndo a fortalecer os vínculos entre o persoal científico experto e o persoal da GAIN, entidade colaboradora do programa.

Subir ao principio Subir ao principio