CINBIO lanza o proxecto europeo NANO4TALENT para atraer talento en Nanomateriais e Biomedicina
5 de Xuño de 2025
O CINBIO, centro de investigación da Universidade de Vigo e membro da rede CIGUS —unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica—, pon en marcha o Programa Posdoutoral de Atracción de Talento co obxectivo de impulsar carreiras investigadoras no campo dos nanomateriais aplicados á biomedicina.
Coñecido polo acrónimo NANO4TALENT, trátase dunha iniciativa financiada con 477.600 euros pola Unión Europea a través dunha Acción Marie Skłodowska-Curie – Cofund do programa Horizonte Europa, e coordinada polo CINBIO, con Miguel Correa como investigador principal. O proxecto comezou en xaneiro deste ano e prolongarase ata decembro de 2029.
No consorcio do proxecto, acompañan á Universidade de Vigo outras 16 entidades asociadas de Italia, Francia, Alemaña e Bélxica. A participación española inclúe a Universidade Miguel Hernández; as fundacións Gaiker, Biomédica Galicia Sur e Tecnalia; o Clúster de Acuicultura de Galicia, a Asociación para a Dixitalización da Industria e o DIH DataLife. Ademais, completan o consorcio empresas españolas como BFlow, Qubiotech, Ibonelab, Diversa Technologies e Nanogap, e entidades internacionais como Nanofaber, Institut Pasteur, Miltenyi Biotec e Nanotechnology Industries Association.
Un convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Consellería de Educación da Xunta de Galicia permitirá ao CINBIO completar os fondos necesarios para a contratación ao longo dos cinco anos que dura este programa de atracción de talento. Precisamente, o Consello da Xunta aprobou unha inversión de 360.000 euros para completar a financiación da UE conseguida polo centro vigués.
NANO4TALENT nace como un ambicioso programa internacional de posdoutoramento transfronteirizo que, a través de dúas convocatorias, ofrecerá un total de cinco prazas posdoutorais de 24 meses de duración cada unha, permitindo que as persoas beneficiarias poidan desenvolver os seus propios proxectos de investigación interdisciplinaria.
As investigadoras e investigadores posdoutorais poderán definir libremente o seu proxecto, no que deberán estar involucrados polo menos dous grupos de investigación relacionados coas dúas áreas principais do CINBIO: os nanomateriais e a biomedicina.
A primeira das dúas convocatorias de contratación está aberta ata o 31 de xullo e ofrece tres das cinco prazas posdoutorais. A segunda convocatoria, que abrirá o prazo de solicitude previsiblemente en marzo de 2027, ofrecerá as outras dúas prazas restantes. Ambas están destinadas a persoal investigador para desenvolver o seu proxecto interdisciplinario ao longo de 24 meses.
Entre os requisitos de acceso, as persoas candidatas non poderán ter residido máis de 12 meses en España durante os tres anos anteriores á formalización do contrato.