CINBIO organiza en Vigo a Conferencia Internacional NALS 2026
25 de Marzo de 2026
Vigo acolleu do 11 ao 13 de marzo a 5ª Conferencia Internacional sobre Nanomateriais Aplicados ás Ciencias da Vida (NALS 2026), un encontro que reuniu 127 investigadores e investigadoras no ámbito da nanociencia aplicada á biomedicina. O evento foi organizado polo Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO), pertencente á Rede CIGUS —unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema galego de investigación que acreditaron a súa excelencia científica—.
A conferencia foi organizada polo Grupo de Nanomateriais Híbridos (CINBIO) e, ao longo de tres xornadas, a súa temática principal xirou arredor dos nanomateriais aplicados ás ciencias da vida, un campo interdisciplinar que combina química, física, bioloxía e medicina para o desenvolvemento de novas ferramentas terapéuticas. En concreto, o programa científico abordou cuestións clave relacionadas co uso de nanomateriais no diagnóstico, no tratamento de enfermidades e no desenvolvemento de novas terapias, con especial atención ao cancro e ás terapias avanzadas.
O congreso inaugurouse cun acto institucional no que participaron representantes da Universidade de Vigo, da Asociación NALS e do propio CINBIO, no que se puxo o foco no valor do encontro para promover o intercambio científico e a colaboración internacional.
A maior parte das persoas participantes procederon de España, aínda que tamén houbo representación doutros países europeos como Portugal, Alemaña, Italia, Luxemburgo ou Grecia. O programa incluíu conferencias plenarias e sesións científicas impartidas por investigadores e investigadoras de recoñecido prestixio internacional, que abordaron temas como a nanomedicina aplicada ao cancro pediátrico, os procesos de metástase ou o uso de novos materiais plasmónicos para a monitorización da actividade tumoral.
O NALS 2026 contou cunha presenza destacada de estudantes de doutoramento e persoal investigador novo, co obxectivo de favorecer o intercambio de coñecemento e o contacto entre investigadores emerxentes.