Cinco investigadoras da Rede CIGUS, premiadas nos premios ‘RAGC-UIE para investigadores e investigadores xoves’

23 de Xaneiro de 2025

Cinco investigadoras da Rede CIGUS, premiadas nos premios ‘RAGC-UIE para investigadores e investigadores xoves’

Das sete premiadas nos premios RAGC-UIE para investigadores e investigadoras novas, cinco delas (Beatriz Pelaz e Iria Gómez do CiMUS, Cristina Gómez e Sara González do CRETUS e Susana Ladra, do CITIC) pertencen a centros da Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica.

Ao certame, que ten unha periodicidade bienal, poden presentarse persoas investigadoras que non superen os 40 anos de idade, ou os 42 no caso das mulleres que fosen nais ou das persoas con algunha discapacidade. Conta cunha dotación de 5000 euros para cada un dos tres premios, concedéndose ademais varios accésits. A esta primeira convocatoria presentáronse 63 propostas.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) resolveron a primeira edición dos ‘Premios RAGC-UIE para investigadores e investigadoras xoves’, cuxo obxectivo é recoñecer e potenciar o labor de científicos que desenvolven a súa carreira en Galicia. Estes galardóns distinguen a contribución da investigación en tres ramas do coñecemento: Ciencias Básicas, Ciencias Técnicas e Ciencias Sociais.

Na categoría de Ciencias Básicas, a galardoada foi Beatriz Pelaz, investigadora do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), polo seu traballo no desenvolvemento de nanomateriais con aplicacións biomédicas, orientados á creación dunha nova xeración de nanomedicinas máis eficientes. Pelaz lidera actualmente 14 proxectos de investigación cun orzamento superior a 3,5 millóns de euros e foi recoñecida pola súa importante labor na divulgación científica, especialmente na visibilización da muller na investigación.

Susana Ladra, investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), recibiu un accésit na categoría de Ciencias Básicas polo seu traballo en compresión de datos e no deseño de algoritmos e estruturas aplicadas á bioinformática. Ladra liderou un proxecto europeo H2020 e participou en múltiples iniciativas nacionais e autonómicas, destacando a súa achega no desenvolvemento de ferramentas para a xestión eficiente de grandes volumes de datos.

Pola súa parte, Iria Gómez, investigadora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), distinguida polo seu traballo no campo da autoinmunidade, centrado nos mecanismos moleculares de enfermidades como a diabetes tipo 1. O seu laboratorio estuda o papel das moléculas pequenas na alteración do sistema inmunolóxico e o seu potencial como tratamentos innovadores. Gómez lidera un proxecto financiado con un millón de dólares pola Fundación para o Estudo da Diabetes Xuvenil.

No ámbito das Ciencias Técnicas, Belén Riveiro, profesora na Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo e investigadora no CINTECX, foi distinguida pola súa labor na avaliación de estruturas de enxeñaría civil mediante o uso de teledetección e intelixencia artificial. Os seus estudos permiten diagnosticar o estado de infraestruturas como pontes e estradas para previr colapsos. Liderou importantes proxectos nacionais e internacionais e conta con publicacións en revistas de alto impacto, incluíndo Nature.

Sara González, investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías Ambientais e de Sustentabilidade (CRETUS), recibiu un accésit no ámbito das Ciencias Técnicas polo seu traballo en economía circular e sustentabilidade. Os seus estudos inclúen a avaliación de impactos ambientais en sectores industriais e urbanos mediante a metodoloxía de Análise de Ciclo de Vida (ACV), contribuíndo ao deseño de estratexias de biorrefinería e redución de residuos.

Na categoría de Ciencias Sociais, Cristina Gómez, tamén investigadora do CRETUS, foi premiada polos seus estudos en psicoloxía política e comportamento en contextos de crises sociais e políticas. O accésit na categoría de Ciencias Sociais foi para Ariadna Monje, profesora da Universidade da Coruña, especializada en emprendemento e turismo. A investigadora cursou o Máster en Dirección de Recursos Humanos na Michael Smurfit Graduate Business School (Dublín) e lidera diferentes grupos de traballo relacionados co emprendemento —en colaboración cos proxectos GEM en España— e co turismo, realizando tanto investigacións científicas como labores de asesoramento para distintas administracións.

O acto de entrega dos premios celebrouse no Centro Obra Social ABANCA, en Santiago de Compostela, coa presenza de autoridades académicas e representantes institucionais. Estes recoñecementos, con dotación de 5.000 euros para cada premiado e varios accésits adicionais, reforzan o compromiso de Galicia coa investigación e a visibilización do talento novo na comunidade científica.

Subir ao principio Subir ao principio