CiQUS, CRETUS e IGFAE conseguen cinco axudas Marie Curie, unhas das máis prestixiosas de Europa
28 de Febreiro de 2025

Tres centros da Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, conseguiron cinco axudas na última convocatoria europea “Marie Skłodowska-Curie”. En concreto, 3 serán para o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), unha para o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) e outra máis para o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE).
Esta convocatoria, que vén de resolverse, destinará 417 millóns de euros para que preto de 1.700 investigadores e investigadoras posdoutorais de Europa e do resto do mundo poidan desenvolver os seus propios proxectos mentres reciben formación e supervisión de alto nivel. O programa MSCA Postdoctoral Fellowships é recoñecido como un dos máis prestixiosos e competitivos de Europa e ten como obxectivo fomentar a excelencia investigadora a través da mobilidade internacional e a formación interdisciplinar.
Tres proxectos para o CiQUS
Dos cinco proxectos seleccionados pola comisión europea, tres pertencen a persoal do CiQUS. As persoas beneficiarias, tres investigadores e investigadoras posdoutorais, desenvolverán os seus proxectos nos laboratorios do centro durante os próximos dous anos. Estas persoas sumaranse así ao cadro investigador que provén de diversos países, como India, Portugal, Irán, Colombia ou Guatemala, que ao longo destes últimos anos se incorporaron ao CiQUS no marco deste programa.
O proxecto NANO-MAC, liderado por Mafalda Gonçalves (Portugal) baixo a supervisión de Pablo del Pino, busca desenvolver nanotransportadores que imitan os macrófagos para administrar fármacos de xeito moi selectivo a tecidos inflamados, con aplicacións en enfermidades como a colite ulcerosa. Pola súa banda, o proxecto BOOST, dirixido por M. Inés Paiva da Silva Leitao (Portugal) e supervisado por Javier Montenegro, explorará o uso de compostos de boro para transportar oligonucleótidos aniónicos a través de membranas celulares, abrindo novas vías na entrega de fármacos baseados en ácidos nucleicos. Por último, o proxecto McCOFs, a cargo de Adrindam Mal (India) e supervisado por Manuel Souto, centrarase no deseño de cátodos orgánicos de alta capacidade para baterías de litio, empregando redes covalentes orgánicas.
Protexer os océanos, a proposta do Cretus
‘Towards the 2030 conservation targets in Europe: An assessment of Management Gaps and Opportunities in Marine Protected Areas (SOS2030)’ é a proposta da investigadora Verónica Relano que obtivo a axuda Marie Curie e que se incorporará ao CRETUS da USC no equipo que lidera Sebastián Villasante, investigador distinguido Oportunius da Xunta e coordinador do proxecto ERC EqualSea. O proxecto SOS2030 busca mellorar a efectividade das Áreas Mariñas Protexidas (AMPs) en Europa, xa que moitas delas só existen no papel e non cumpren cos seus obxectivos de conservación, converténdose en “parques de papel”.
Para abordar este problema, SOS2030 elaborará e desenvolverá unha base de datos, unha ferramenta de avaliación, un documental multilingüe e un sitio web, entre outros. Por vez primeira, analizaranse de maneira integral os padróns comúns dos parques de papel, proporcionando claves para evitar a súa creación no futuro e mellorar a sustentabilidade das comunidades costeiras en Europa e no resto do mundo. Xunto á USC, participan a Utrecht University e WWF Italy; e contan co apoio de Onewater.
O IGFAE afonda no coñecemento das forzas fundamentais
Na convocatoria Marie Curie o IGFAE conseguiu outra das axudas, concretamente para o investigador Leí Chen no marco do proxecto ‘Probing nuclear parton dynamics in Heavy-Ion Collisions with Hard Probes” (HIC-HP)’. Leí afondará nas interaccións entre os feixes de partículas e o medio en colisións de ións pesados e as súas implicacións para as propiedades do plasma de quarks e gluóns, un estado da materia que se creou pouco despois do Big Bang. Nesta liña de traballo, Leí agarda contribuír a un mellor entendemento da interacción forte e das propiedades do plasma de quarks e gluóns, colaborando coa comunidade científica de física de altas enerxías para afondar no coñecemento das forzas fundamentais.
Lei Chen uniuse ao IGFAE no ano 2023, no marco do proxecto YoctoLHC, liderado polo profesor Carlos Salgado, e financiado pola convocatoria Advanced Grant do European Research Council (ERC). Anteriormente, Leí fixo o seu doutoramento na Central China Normal University (Wuhan) e logo realizou unha estadía posdoutoral na Universidade China de Hong Kong (Shenzhen).