CITIC acolle a reunión transnacional do proxecto DEDUC, iniciativa Eramus+ para o coidado da demencia

21 de Maio de 2025

CITIC acolle a reunión transnacional do proxecto DEDUC, iniciativa Eramus+ para o coidado da demencia

O CITIC, centro de investigación da Universidade da Coruña e membro da rede CIGUS —unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica— acolle a primeira reunión transnacional do proxecto DEDUC – Distance Education and Vocational Training on Dementia for University Students and Healthcare Professionals.

Aprobado na convocatoria KA220-VET de Erasmus+ (2024), correspondente ás asociacións para a cooperación no ámbito da formación profesional, o proxecto conta cun financiamento total de 250.000 euros e terá unha duración de 28 meses, rematando o 31 de decembro de 2026.

DEDUC ten como obxectivo principal mellorar as competencias de estudantes universitarios e profesionais sanitarios no coidado de persoas con demencia mediante o desenvolvemento dun programa de formación profesional a distancia, baseado en tecnoloxías dixitais, contidos innovadores e enfoques inclusivos. Esta proposta dá resposta á crecente necesidade de persoal cualificado para atender unha poboación europea cada vez máis envellecida.

Para acadar este obxectivo, o proxecto levará a cabo diversas accións, como o desenvolvemento dunha plataforma dixital de formación, accesible e interactiva; o deseño e implementación dun programa de formación profesional en coidados da demencia; a creación dun xogo de simulación dixital como ferramenta complementaria para reforzar a aprendizaxe práctica en contextos reais; e a elaboración dunha guía de transferencia e recomendacións políticas para facilitar a replicabilidade do modelo noutros países e contextos educativos.

O CITIC participa neste proxecto xunto coa Fundación Universidade da Coruña e entidades de cinco países europeos: o Instituto Politécnico do Porto (Portugal), a Fundació ACE – Barcelona Alzheimer Treatment & Research Center, a Irmandade da Santa Casa da Misericórdia de Riba D’Ave, a ELLINIKI ETAIRIA NOSOY ALZHEIMER KAI SYGGENON DIATARACHON SOMATEIO (Grecia) e SPOMINCICA – Asociación Eslovena de Alzheimer (Eslovenia).

A través desta iniciativa espérase formar máis de 150 participantes entre profesionais sanitarios dos ámbitos da enfermaría, psicoloxía, terapia ocupacional e traballo social, así como estudantes universitarios en disciplinas afíns. O impacto a medio prazo inclúe unha mellora na calidade da atención ás persoas con demencia, un maior uso das ferramentas dixitais na formación profesional e unha cooperación europea reforzada no ámbito sociosanitario.

Segundo explica ao centro Javier Pereira, subdirector do CITIC, “este proxecto supón unha oportunidade para aplicar as TIC á saúde e ao envellecemento activo, aliñándose coas nosas liñas estratéxicas de investigación e innovación con impacto social”.

Subir ao principio Subir ao principio