CITIC presenta CuidaconTIC, tecnoloxía para coidar a quen coida

10 de Novembro de 2024

CITIC presenta CuidaconTIC, tecnoloxía para coidar a quen coida

O persoal investigador do CITIC, centro da UDC que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica presentou este 8 de novembro o proxecto TechQoL4Carers, unha innovadora iniciativa que ten como obxectivo desenvolver a solución tecnolóxica CuidaconTIC, que busca mellorar a calidade de vida, o impacto dos coidados, o equilibrio ocupacional, a autoxestión da saúde e o empoderamento das persoas coidadoras informais.

A plataforma CuidaconTIC destaca pola integración de dispositivos wearables que permiten recoller datos de saúde de forma continua. Estes dispositivos, como reloxos intelixentes e pulseiras de actividade, rexistran información detallada sobre a actividade física (pasos, distancia, tempo activo e calorías queimadas), o sono (tempo total, fase REM, sono lixeiro e profundo, e tempo esperto) e a frecuencia cardíaca (mínima, media e máxima diaria). Ademais, sincronízanse con aplicacións como Google Fit para facilitar a visualización e xestión dos datos de saúde. Esta plataforma permite un acceso inmediato aos datos, ofrece recomendacións personalizadas para mellorar a calidade de vida e promove a conciencia sobre a saúde ao propoñer obxectivos claros de actividade e descanso.

A xornada contou coa participación do director do CITIC, Manuel González Penedo, e Javier Pereira, subdirector; Pablo Martín Lancharro, subdirector de Atención Sociosanitaria e Innovación da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia; e de Juan Ignacio Borrego Vázquez, concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica da Coruña; así como María Betania Groba González e Laura Nieto Riveiro, investigadoras principais do proxecto. Durante o acto presentáronse os resultados preliminares do proxecto, seguidos dunha demostración de uso da plataforma CuidaconTIC. Tamén tivo lugar unha mesa de experiencias, na que coidadoras informais e profesionais de entidades colaboradoras compartiron as súas vivencias e aprendizaxes derivadas do estudo piloto do proxecto.

“A implicación do CITIC na tecnoloxía inclusiva é un compromiso que vai máis alá da investigación tecnolóxica; está orientado a mellorar directamente a vida das persoas, especialmente aquelas que asumen roles fundamentais na sociedade, como son os coidadores informais. Desde o noso centro entendemos que a innovación tecnolóxica só pode considerarse plena se é accesible, útil e sostible para toda a sociedade” salientou Javier Pereira, subdirector do CITIC e coordinador do grupo de investigación que impulsou esta iniciativa.

Subir ao principio Subir ao principio