CITIC, CiTIUS E IGFAE integrantes do primeiro Centro Europeo de Excelencia en Computación Cuántica

20 de Novembro de 2025

CITIC, CiTIUS E IGFAE integrantes do primeiro Centro Europeo de Excelencia en Computación Cuántica

O CITIC da Universidade da Coruña, o CiTIUS e o IGFAE da Universidade de Santiago de Compostela —centros de investigación pertencentes á Rede CIGUS da Xunta de Galicia— integráronse no primeiro Centro Europeo de Excelencia Cuántica (QEX), nunha participación coordinada polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

Trátase dunha iniciativa impulsada pola Comisión Europea, que ten como obxectivo consolidar o liderado da Unión Europea en tecnoloxías cuánticas, fomentar a innovación na computación de vangarda e ofrecer servizos de acceso e formación a usuarios científicos e industriais de toda Europa. Conta cun orzamento de 1,36 millóns de euros, cofinanciado ao 50% pola Comisión Europea e ao 50% polo Ministerio de Ciencia, Universidades e Innovación.

O Centro Europeo de Excelencia Cuántica funcionará como un centro único para aplicacións e ferramentas de computación cuántica, co obxectivo de capacitar a usuarios científicos, empresas e industrias europeas para aproveitar ao máximo o potencial destas tecnoloxías. Mediante programas de formación especializada e apoio personalizado, QEX formará persoal altamente cualificado en computación cuántica en toda Europa, ao mesmo tempo que axudará aos usuarios a adaptarse e co-desenvolver aplicacións cuánticas, asegurando así a preparación para a próxima era da computación.

Os tres centros galegos desempeñarán un papel clave na construción desta especie de “ventá única” europea para a computación cuántica. O seu traballo centrarase no desenvolvemento do entorno de acceso e uso dos computadores cuánticos, na creación de novas aplicacións e bibliotecas de software, e na coordinación das actividades de benchmarking (avaliación comparativa) de computadores e aplicacións cuánticas. Ademais, participarán na formación de investigadores e usuarios, aproveitando a experiencia adquirida en proxectos previos como TalentQ.

Coa participación nesta iniciativa, Galicia e a Rede CIGUS, reforzan a súa posición como polo estratéxico no ámbito europeo da computación cuántica e a supercomputación, conectando a investigación académica avanzada coas infraestruturas nacionais e europeas.

Máis información sobre a iniciativa e os socios
O consorcio QEX reúne a once socios procedentes de cinco países da Unión Europea, entre os que se atopan os tres españois: a UDC, o CESGA e a USC. Está coordinado polo Stichting QuantumDeltaNL (Países Baixos) e participan tamén: por Dinamarca, o Danmarks Tekniske Universitet, a Københavns Universitet e a Syddansk Universitet; por Irlanda, a University of Galway; por Alemaña, a Bayerische Akademie der Wissenschaften e o Deutsches Zentrum für Luft– und Raumfahrt; e polos Países Baixos, a Nederlandse Organisatie voor Toegepast Natuurwetenschappelijk Onderzoek, ademais do líder Stichting QuantumDeltaNL.

QEX enmárcase na EuroHPC Joint Undertaking, unha entidade da Unión Europea creada en 2018 polo Consello e o Parlamento europeos, en colaboración cos Estados membros e a industria, para impulsar o liderado europeo en supercomputación e tecnoloxías cuánticas, reforzando así a súa soberanía tecnolóxica.

Subir ao principio Subir ao principio