Clock, un proxecto do CIM sobre evidencias de como os sistemas pesqueiros poden adaptarse aos impactos do cambio climático na distribución de especies mariñas
19 de Maio de 2023
Hai seis anos botaba a andar o proxecto Clock do CIM, pertencente á Rede CIGUS, unha iniciativa liderada por Elena Ojea que busca a adaptación á redistribución dos stocks pesqueiros con catro obxectivos fundamentais: comprender os novos retos que formula o cambio climático para a xestión pesqueira actual; desenvolver un novo enfoque para a adaptación da pesca dentro dun marco socioecolóxico (marco de adaptación); proporcionar evidencia empírica sobre posibles solucións para a adaptación ás pesqueiras, e axudar a introducir a adaptación da pesca como prioridade das axendas políticas rexionais e internacionais. Ao amparo do proxecto do Consello Europeo de Investigación (ERC), o Grupo de Investigación Future Oceans Lab do CIM da UVigo, que dirixe Elena Ojea, avanzou na comprensión de como os sistemas actuais de xestión pesqueira poden superar os efectos dos cambios na distribución a causa do cambio climático, así como cales son as medidas de adaptación que poden permitir medios de vida equitativos e sostibles a longo prazo. Clock operou cunha perspectiva global sobre os impactos climáticos na pesca e tamén con puntos de vista locais sobre sistemas socioecolóxicos pesqueiros específicos en tres estudos de caso: a pesqueira industrial vasca de túnidos tropicais e as pesqueiras artesanais galega e mexicana de Nayarit.
«Como resultado, obtemos que a redistribución das especies mariñas polo cambio climático xa está impactando en importantes especies comerciais, creando maiores vulnerabilidades sociais e económicas nos países en desenvolvemento e afectando tanto á eficiencia técnica como á subministración de alimentos», detalla Elena Ojea, que sinala que, no ámbito global encontraron un desaxuste xeográfico entre as áreas críticas do impacto do cambio climático e as respostas de adaptación obtidas. A partir dos estudos de caso, o novo marco de adaptación de Clock demostra que as respostas de adaptación dos pescadores están determinadas polas capacidades sociais de adaptación existentes e a intensidade dos impactos climáticos. «Encontramos que os pescadores artesanais e industriais seguen un camiño de resposta común, desde permanecer na pesqueira, ata transformarse e saír, o que se explica en gran medida polo nivel e a estrutura de organización do sistema pesqueiro», indica a investigadora do CIM.
Impactos con implicacións para a seguridade alimentaria
O traballo realizado no marco do proxecto do CIM, membro da Rede CIGUS, inclúe a combinación de datos climáticos, ecolóxicos e pesqueiros globais para comprender os impactos e as respostas de adaptación na pesca a pequena escala; así como unha comparación exhaustiva dos marcos existentes de varias disciplinas para deseñar un marco de adaptación innovador; desenvolvemento de modelos bioeconómicos no ámbito local e rexional para comprender a xestión óptima en sistemas de dereitos de propiedade espacial, poboacións transfronteirizas e áreas mariñas protexidas, e enfoques de estudos de casos empíricos, con análise de partes interesadas e enquisas a pescadores individuais para comprender as respostas de adaptación e probar o marco de adaptación.
«No ámbito global, os impactos da migración dos recursos pesqueiros exacerban as vulnerabilidades existentes, con cambios máis grandes vinculados ás especies economicamente máis dependentes nos países máis pobres. Estes impactos teñen implicacións para a seguridade alimentaria e contribúen ás desigualdades globais, onde os países tropicais, que dependen en gran medida da pesca para a subministración de alimentos, enfrontan os impactos máis grandes», enumera Ojea, que tamén explica que, nestas rexións climáticas críticas, as respostas de adaptación nas comunidades pesqueiras de pequena escala tenden a ser máis transformadoras. Mentres, no ámbito local, as pesqueiras industriais do País Vasco e as artesanais de Galicia e Nayarit serven para seguir explorando vías de adaptación. «Os pescadores responden ao cambio climático seguindo un camiño que vai desde permanecer na actividade ata adaptarse (cambiar de especie) e transformar os seus medios de vida (diversificar ingresos fóra da pesca). Os maiores impactos e para algúns grupos vulnerables, saír da pesqueira é a principal resposta ao cambio climático», detalla a investigadora.
Seis anos de realizacións concretas
Os resultados derivados do proxecto Clock do grupo de investigación do CIM pertencente á Rede CIGUS deron lugar, ao longo destes anos, a máis dunha vintena de publicacións científicas revisadas por pares, así como a tres teses de doutoramento internacionais, ademais da participación en informes políticos de alto nivel.
Así mesmo, os resultados dos casos de estudo presentáronse ás comunidades pesqueiras en máis dunha decena de talleres, nos que as persoas participantes das comunidades pesqueiras identificaron solucións clave para alcanzar a resiliencia ao cambio climático e permitir unha adaptación e transformación sostible e xusta.