CRETUS abre unha nova convocatoria de bolsas de verán para iniciación á investigación

29 de Maio de 2026

CRETUS abre unha nova convocatoria de bolsas de verán para iniciación á investigación

O Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da Universidade de Santiago de Compostela, pertencente á Rede CIGUS -unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema galego de investigación que acreditaron a súa excelencia científica-, abriu unha nova convocatoria de bolsas de verán para a iniciación á investigación, dirixida a estudantes de mestrado interesados en desenvolver prácticas formativas vinculadas a proxectos científicos no ámbito das tecnoloxías ambientais.

A convocatoria está dirixida a estudantes matriculados no curso 2025–2026 en mestrados oficiais relacionados coas áreas de actividade de CRETUS, que inclúen, entre outras, enxeñaría ambiental, biotecnoloxía, física, química, saúde pública, acuicultura, bioloxía mariña, biodiversidade ou enerxías renovables.

A convocatoria contempla un mínimo de 20 bolsas, das cales polo menos cinco estarán reservadas para alumnado do Máster en Enxeñaría Ambiental (MENA). As estancias terán unha duración dun mes completo, a realizar en xullo, setembro ou outubro de 2026, cunha dedicación de 25 horas semanais.

O programa ten como obxectivo fomentar o talento investigador e facilitar o primeiro contacto coa actividade científica do centro. As persoas beneficiarias desenvolverán o seu traballo baixo a supervisión de persoal investigador de CRETUS, participando en proxectos en curso e na dinámica científica do centro.

A axuda económica asociada a estas bolsas será de 850 euros brutos mensuais, ou a parte proporcional en función da duración da estadía. A esta contía aplicaránselle as correspondentes retencións fiscais e cotizacións á Seguridade Social. Ademais, prevénse axudas para gastos de desprazamento no caso de estudantes que non residan en Santiago de Compostela, cun máximo de 80 euros para alumnado de Galicia e de 250 euros para alumnado de fóra de Galicia, previa xustificación.

As solicitudes deberán presentarse a través da sede electrónica da Universidade de Santiago de Compostela do 28 de maio ao 5 de xuño.

Subir ao principio Subir ao principio