CRETUS celebra o seu 10º aniversario
23 de Xullo de 2025
O Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), adscrito á Universidade de Santiago e membro da Rede CIGUS —unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema que teñen acreditada a súa excelencia científica— celebrou o pasado venres 18 de xullo os seus dez anos de traxectoria á vangarda da investigación ambiental.
A celebración tivo lugar no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), cun acto institucional ao que asistiron máis de 100 persoas procedentes do ámbito académico, científico e empresarial do sector ambiental.
Ao longo desta década, CRETUS consolidouse como un referente en proxectos de impacto global centrados na biodiversidade, na rexeneración do solo e da auga, e no desenvolvemento de tecnoloxías ambientais innovadoras.
Durante a xornada, o coordinador científico de CRETUS, Juan M. Lema, explicou a evolución do centro desde a súa fundación até o seu actual status como centro singular. Pola súa banda, a directora científica, Maite Moreira, presentou as principais liñas de investigación activas, os proxectos máis relevantes, así como a actividade científica, colaborativa e de transferencia de coñecemento do centro.
Este aniversario serviu tamén para anunciar a incorporación do centro á Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario Galego (Rede CIGUS), un recoñecemento á calidade, ao impacto e á excelencia do seu labor investigador, que conta ademais coa cofinanciación de fondos europeos.
O evento contou coa presenza de destacadas autoridades, entre elas o reitor da USC, Antonio López; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, Mª José Echevarría; e a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, así como representantes do sector empresarial e da comunidade investigadora galega.
O acto incluíu tamén intervencións de membros dos comités científico e empresarial de CRETUS, así como das autoridades convidadas, e a proxección dun vídeo conmemorativo que puxo en valor a traxectoria do centro e reafirmou o seu compromiso coa sostibilidade ambiental e coa colaboración entre a ciencia, a administración, o tecido empresarial e a sociedade.