Destacada participación dos centros CIGUS na G-NIGHT, a Noite Galega das Persoas Investigadoras
30 de Setembro de 2025
O pasado 26 de setembro, investigadores e investigadoras de todos os centros CIGUS participaron na quinta edición da G-Night, a Noite Galega das Persoas Investigadoras. Trátase dun evento de divulgación científica que se celebra de maneira simultánea en centos de cidades europeas, no marco da European Researchers’ Night, co obxectivo de achegar a ciencia á sociedade dunha forma accesible e participativa.
Durante a tarde e a noite, as cidades galegas convertéronse en escenarios dedicados á ciencia, con actividades abertas ao público como obradoiros, experimentos, rutas, charlas, exposicións e feiras científicas.
A xornada estivo coordinada pola Universidade de Vigo e contou coa participación dos centros de investigación das universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, así como de varios institutos do CSIC (IEGPS, IEO, MBG, IIM e Incipit), e outras entidadedes de investigación como o INIBIC, o CESGA ou Ecobas.
A Universidade de Vigo organizou unha feira científica no Edificio Redeiras, no centro da cidade. Nela, persoal investigador do Centro de Investigación Mariña (CIM) realizou diversos obradoiros dirixidos a achegar a ciencia ao público máis familiar. O papel das plantas nos ecosistemas, o ADN dos moluscos e crustáceos das rías galegas ou o efecto dos microplásticos no noso día a día foron algunhas das temáticas tratadas polos grupos de Análise de Concas Sedimentarias e de Xenética Evolutiva e Conservación da Biodiversidade.
No campus da Universidade de Santiago, persoal investigador dos centros CIGUS participou na mostra celebrada no Claustro do Colexio de Fonseca.
O persoal do CiQUS participou coa actividade Ciencia molecular en acción: do xogo á innovación, dirixida aos máis pequenos, e cunha mostra de proxectos de vangarda para o público adulto, na que se presentaron investigacións sobre o aproveitamento do metano como materia prima para a síntese de fármacos e compostos de valor engadido, ou a creación de novos materiais sostibles para o almacenamento de enerxía.
Investigadores e investigadoras do IGFAE ofreceron diversos xogos para descubrir os compoñentes básicos de toda a materia coñecida: observar o rastro das partículas, a priori invisibles, e construír núcleos atómicos, átomos e moléculas combinando diferentes tipos de quarks e electróns.
Pola súa banda, o persoal investigador de CRETUS compartiu as súas liñas de investigación baixo o título Unha ollada científica á contaminación ambiental: riscos, orixes e solucións. Excavacións simuladas, demostracións de técnicas analíticas sinxelas para detectar contaminación e unha aproximación á edición xenética foron algunhas das actividades para o público infantil.
Na Coruña, máis de trinta investigadores do CICA compartiron o seu traballo nun obradoiro aberto a todos os públicos. Baixo o lema CICA pola Saúde Global, propuxeron diversas actividades participativas nas que o público puido experimentar de primeira man como a ciencia contribúe ao coidado do planeta e das persoas.
Ademais, as compañeiras do CITIC ofreceron charlas divulgativas e organizaron numerosos obradoiros para todos os públicos, como Coidando os xeonllos: artrose, mobilidade e novas tecnoloxías, Investiga en ciencia e tecnoloxía! e o Obradoiro de robótica intelixente, que tivo lugar no laboratorio de robótica do CITENI.
A participación dos centros da Rede CIGUS na G‑Night foi unha excelente oportunidade para reafirmar o seu compromiso coa divulgación científica e co achegamento da investigación á sociedade, fomentando a ciencia como elemento de cohesión social e contribuíndo a que a cidadanía entenda mellor