Diego Peña Gil, novo Director Científico do CiQUS
31 de Marzo de 2025

O pasado xoves 13 de marzo, o investigador Oportunius Diego Peña asumiu a dirección científica do CiQUS, centro adscrito á USC e pertencente á Rede CIGUS – unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica-.
Pena, Investigador Principal do CiQUS desde a súa fundación en 2011, toma o relevo de José Luís Mascareñas e Dolores Pérez, que ao longo de máis dunha década lideraron a creación dun novo modelo de centro de investigación e, froito deste traballo, o CiQUS é hoxe en día un referente na rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (Rede CIGUS). A nova dirección recollerá o seu legado co reto de continuar pola senda da excelencia para cumprir coa misión principal do CiQUS: contribuír ao avance da ciencia na fronteira do coñecemento.
Este novo nomeamento, que se estende por un período de catro anos prorrogables, chega a proposta da Comisión Reitora do CiQUS tralo informe favorable da Comisión Científica Externa. O Director Científico é a figura fundamental sobre a que se sustenta o proxecto do centro: é responsable de establecer as prioridades estratéxicas e científicas, da relación institucional con outras entidades e, asistido pola Dirección Adxunta, de funcións executivas que afectan o conxunto da actividade desenvolvida no centro.
Diego Peña conta cunha recoñecida carreira científica, no ano 2004 reincorporouse á USC como investigador Ramón e Cajal. En 2008 foi nomeado Profesor Titular, promocionando a Catedrático de Química Orgánica en 2020 (actualmente en período de excedencia). Ese mesmo ano recibe tamén unha axuda ERC Synergy Grant (MolDAM) xunto a Leo Gross (IBM Research Zúric) e Jascha Repp (Universität Regensburg) e en 2024 obtivo unha praza de Oportunius Research Professor da Axencia Galega de Innovación, adscrita á USC. É autor de máis de 150 artigos científicos (>8,500 citas, índice h 49) e recibiu diversas medallas e premios á excelencia investigadora da Real Sociedad Española de Química (RSEQ) e a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC).