Dous investigadores do CIM achegan o seu coñecemento ao informe sobre xestión sostible de zonas costeiras para o Congreso dos Deputados
19 de Decembro de 2024

“A Oficina de Ciencia e Tecnoloxía do Congreso dos Deputados (Oficina C) é unha iniciativa que pretende achegar ou enlazar a comunidade científica cos deputados e deputadas, facilitando o acceso ao coñecemento científico e a súa inclusión na toma de decisións do Congreso, todo co apoio da FECYT”. Nestes termos explica Gonzalo Méndez, docente e investigador do Centro de Investigación Mariña (CIM), que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, o obxectivo da Oficina C do Congreso dos Deputados para a que el e a investigadora Juan de la Cierva no CIM Nerea Piñeiro, elaboraron, xunto con científicos e científicas nacionais e internacionais, un informe sobre a xestión sostible de zonas costeiras.
O denominado “Informe C Gestión sostenible de zonas costeras” foi, xunto a outros estudos sobre materias como a prevención activa do suicidio, a intelixencia artificial ou os materiais críticos na transición enerxética, recentemente presentado no transcurso dunha mesa redonda celebrada no Congreso dos Deputados, na que o investigador do CIM-UVigo tomou parte xunto a outras autoras do informe. “É unha moi boa oportunidade para participar nunha experiencia de evidente transferencia, de traballo colectivo con expertos de campos profesionais concorrentes e de aproximación á toma de decisións no máis alto nivel”, asegura o docente e investigador da UVigo, que tamén recoñece a satisfacción profesional de resultar escollido para o panel de expertos que elaboraron o informe.
Na redacción do estudo participaron unha decena de investigadores da propia Oficina C e vinte expertos e expertas científicas de diversas universidades e centros de investigación, na súa maioría españois, pero tamén de Singapur, Xapón e Reino Unido, liderados por Rüdiger Ortiz-Álvarez, da Oficina C. “A única institución que participou con dous expertos foi a Universidade de Vigo”, detalla Méndez.
Os ‘Informes C’ elabóranse seguindo unha metodoloxía establecida pola Oficina C, despois de que a Mesa do Congreso elixa os temas. A partir dese momento, conformase un equipo liderado por un membro da oficina e iníciase unha completa revisión bibliográfica e entrevistas personalizadas a todos os expertos e expertas científicas escollidos. A continuación, redáctase unha primeira versión do informe, que será revisada varias veces ata chegar á versión final. No caso dos investigadores da UVigo, Nerea Piñeiro incorporouse aos traballos o pasado mes de febreiro, mentres que Gonzalo Méndez fíxoo a principios de xuño.