Dous novos proxectos ERC Consolidator Grant no CiQUS

18 de Decembro de 2025

Dous novos proxectos ERC Consolidator Grant no CiQUS

O CiQUS, centro adscrito á USC e pertencente á Rede CIGUS —unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica—, obtivo dous novos proxectos financiados polo Consello Europeo de Investigación (ERC, polas súas siglas en inglés) na modalidade Consolidator Grant.

As axudas do ERC foron concedidas a Julián Bergueiro e Sara Abalde-Cela, un recoñecemento que supón un logro excepcional e impulsa as súas carreiras científicas.

Julián Bergueiro, actualmente investigador do CiQUS, liderará ChiroPore, un proxecto que propón unha aproximación innovadora para lograr o transporte selectivo de moléculas a través de membranas. Trátase dun desafío clave en biotecnoloxía e química supramolecular. Inspirado nos mecanismos naturais de recoñecemento molecular, o proxecto formula un sistema tipo “chave e fechadura” baseado en estruturas helicoidais capaces de diferenciar moléculas con alta precisión.

Esta estratexia permitirá deseñar poros sintéticos con funcións avanzadas, abrindo novas posibilidades para a liberación controlada de fármacos, o desenvolvemento de biosensores ou a comunicación celular.

Pola súa parte, Sara Abalde-Cela, doutora pola Universidade de Vigo e actualmente investigadora no International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL) de Portugal, levará a cabo no CiQUS o seu proxecto OBSERVER. O obxectivo é estudar a comunicación célula–célula como un proceso dinámico e multinivel, superando as limitacións das técnicas actuais. O proxecto desenvolverá unha plataforma optofluídica para coencapsular células cancerosas e células inmunes a nivel de célula individual, monitorizar as súas interaccións en tempo real e analizar posteriormente a súa expresión xénica. Esta tecnoloxía permitirá explorar con maior profundidade procesos complexos relacionados coa metástase e abrirá novas vías en microfluídica, nanobiosensores e análise avanzada de datos.

Estes dous proxectos forman parte dos 349 seleccionados para financiamento, nunha convocatoria con máis de 3.000 solicitudes recibidas. As ERC Consolidator Grants están dirixidas a persoal investigador en fase de consolidación, cunha traxectoria científica destacada e proxectos altamente innovadores, e constitúen unha das convocatorias máis competitivas de Europa.

Con estas novas concesións, o CiQUS suma xa 17 proxectos financiados polo ERC, distribuídos entre 12 investigadoras e investigadores do centro que recibiron o apoio do programa nas súas diferentes modalidades (Starting, Consolidator, Advanced, Synergy e Proof of Concept).

Subir ao principio Subir ao principio