Dous proxectos do CINBIO alcanzan financiamento na convocatoria de axudas para incentivar a consolidación investigadora

13 de Setembro de 2024

Dous proxectos do CINBIO alcanzan financiamento na convocatoria de axudas para incentivar a consolidación investigadora

Dous investigadores do CINBIO, centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, obteñen financiamento na convocatoria de axudas para incentivar a consolidación investigadora.

Aínda que aberta a calquera área temática, esta convocatoria promove especialmente a consolidación de persoas cuxo ámbito de investigación se enmarque nunha temática estratéxica relativa á intelixencia artificial, á microelectrónica e aos semicondutores (chips), ámbitos para os que se destina un orzamento adicional. Dos sete proxectos da UVigo seleccionados, dous deles están promovidos por Miguel Arenas e Gustavo Bodelón, investigadores do CINBIO.

Cun orzamento de 169 072 €, Miguel Arenas Busto, investigador principal do Grupo de Evolución Molecular Computacional do CINBIO, coordina un proxecto para comprender e predicir as traxectorias evolutivas moleculares do SARS-CoV-2a. Pasados máis de catro anos desde o comezo da pandemia, a atención actualmente está posta en como poderá ser o futuro co virus SARS-CoV-2 e, neste contexto, monitorizar e comprender a evolución do virus en tempo real ofrece a posibilidade de predicir potencialmente futuras traxectorias evolutivas moleculares do virus. Para avanzar neste campo resulta necesario comprender e considerar os mecanismos que xeran a diversidade molecular e a fitness do virus e, precisamente, este proxecto céntrase na evolución molecular do SARS-CoV-2 no relativo a xenoma completo e xenes, e con especial interese en proteínas fundamentais para a replicación do virus que se empregan no deseño das terapias actuais.

O investigador do Grupo de NanoBioMateriais Funcionais do CINBIO, Gustavo Bodelón, dirixe o proxecto BIORAR, desenvolvemento de biosensores de células enteiras e libres de células baseados en reporteiros Raman, dotado dun orzamento de 199 919 euros. Os biosensores de célula enteira (WCB) e libres de células (CFB) son ferramentas deseñadas xeneticamente para detectar a presenza de análitos diana no contorno e informar sobre a súa presenza xerando un sinal medible. Os recentes avances en bioloxía sintética posibilitaron, por exemplo, a aplicación destes biosensores para a detección de biomarcadores en modelos preclínicos de enfermidades gastrointestinais, inflamación e cancro. A pesar do seu gran potencial, este tipo de biosensores teñen limitacións clave que esixen enfoques radicalmente novos e é neste contexto no que xorde o proxecto liderado por Bodelón.

BIORAR propón a implementación de reporteiros Raman (RAR) codificados xeneticamente en biosensores de célula enteira e libres de célula co fin de incrementar significativamente a súa sensibilidade, a capacidade de multiplexado e a súa portabilidade empregando espectroscopia SERS. Este proxecto interdisciplinario, que une bioloxía sintética, nanotecnoloxía e ciencia de materiais, propón unha solución radicalmente nova para a obtención de biosensores altamente mellorados para aplicacións de diagnose clínica e detección de contaminantes ambientais no punto de atención.

Subir ao principio Subir ao principio