O CIM constrúe a primeira embarcación con propulsión híbrida enchufable profesional fabricada en España

21 de Decembro de 2023

O buque, construído polo estaleiro moañés Rodman Polyships, ten 19,5 metros de eslora por 5,4 metros de manga e 1,40 de calado, e está acondicionado para realizar tarefas de investigación científica en mares e augas costeiras

O CIM constrúe a primeira embarcación con propulsión híbrida enchufable profesional fabricada en España

O Centro de Investigación Mariña da UVigo, que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, presenta o buque oceanográfico CIM UVigo, a primeira embarcación de uso profesional fabricada en España con propulsión híbrida enchufable.


A Universidade de Vigo presentou a que está chamada a converterse nunha das súas infraestruturas de investigacións máis importantes, modernas e innovadoras. O buque, construído polo estaleiro moañés Rodman Polyships, ten 19,5 metros de eslora por 5,4 metros de manga e 1,40 de calado, e está acondicionado para realizar tarefas de investigación científica en mares e augas costeiras.


O orzamento total foi de 1,5 millóns de euros, pero o proxecto está financiado con cargo á axuda concedida pola Axencia Estatal de Investigación, pertencente ao Ministerio de Ciencia e Innovación, para a adquisición de equipamento científico-técnico de última xeración no marco do Plan estatal de investigación científica e técnica e de innovación 2017-2020, resolta en novembro de 2021. Grazas a estes fondos NextGeneration, o Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo) dótase dunha infraestrutura que fortalecerá a posición de Vigo, e de Galicia en xeral, na investigación oceanográfica costeira, permitíndolle abordar con maior garantía e competencia algúns dos desafíos sociais máis críticos relacionados co cambio climático e ambiental, a pesca, a biodiversidade ou a xestión de riscos.


Capacidades científicas


A embarcación está deseñada para levar a cabo misións de investigación científica pluridisciplinaria, tales como a análise das características físicas, químicas ou biolóxicas da auga do mar e dos sedimentos, a realización de tarefas de observación e cartografía do ecosistema mariño, os seus hábitats, e dos fondos e subsolo mariño. Tamén terá capacidades para a instalación e recuperación de equipos oceanográficos fondeados, como é o caso das boias oceanográficas, o lanzamento de mostreadores e perfiladores e o apoio loxístico a vehículos submarinos non tripulados de mediano e pequeno tamaño.

Subir ao principio Subir ao principio