O CIM incorpórase a ‘Transforming Climate Action’, unha das maiores iniciativas en ciencia mariña orientada ao estudo do cambio climático

6 de Maio de 2025

O CIM incorpórase a ‘Transforming Climate Action’, unha das maiores iniciativas en ciencia mariña orientada ao estudo do cambio climático

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) e parte da Rede CIGUS – unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica- estableceu unha alianza estratéxica co Ocean Frontier Institute (OFI) de Canadá e incorpórase á Transforming Climate Action, unha rede internacional de excelencia para investigar o cambio climático no océano.

Ocean Frontier Institute (OFI) é un consorcio internacional referente na investigación oceánica que está liderado pola universidade canadense Dalhousie University. Este programa de estudo do cambio climático é un dos maiores a nivel mundial. Como explica o director do CIM, Daniel Rey, “O programa alíñase cos obxectivos estratéxicos do centro de promover a excelencia e a cooperación internacional en investigación mariña. Non hai que esquecer que a contribución do CIM situou este ano á Universidade de Vigo entre os 75 primeiros postos do ranking de Shanghai no ámbito da oceanografía”

A pertenza a este consorcio internacional permite activar un programa de estadías de investigación, dando pé á colaboración científica entre ambas organizacións e promovendo a mobilidade internacional, pois, con esta colaboración o persoal investigador do CIM optará a novas oportunidades de crecemento profesional con institucións referentes internacionalmente no estudo do cambio climático nos ecosistemas mariños.

Este programa, entre doutros, permitiralle ao CIM traballar xunto a investigadores de universidades de referencia como a Dalhousie University, Université Laval, Memorial University, University of Bergen Université du Québec à Rimouski e con centros de prestixio como  o Woods Hole Oceanographic Institution – WHOI (EE.UU.), GEOMAR Helmholtz Centre for Ocean Research Kiel (Alemaña). Ademáis nesta rede tamén están asociadas institucións como a NASA ou , a Comisión canadense para a UNESCO.

Esta alianza e colaboración internacional, que potencia o impacto na investigación mariña, inclúese no marco da aposta estratéxica do Centro de Investigacións Mariñas da Universidade de Vigo.

Subir ao principio Subir ao principio