O CiMUS participa no maior estudo internacional que identifica variantes de ADN coas que predicir o risco de padecer TOC
16 de Maio de 2025
Persoal investigador do CiMUS, centro adscrito á Universidade de Santiago e pertencente á rede CIGUS —unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica— participa no maior estudo realizado ata o de agora sobre a xenética do Trastorno Obsesivo-Compulsivo (TOC).
Esta investigación, financiada con fondos europeos, contou coa colaboración dun equipo internacional no que participaron especialistas do Grupo de Medicina Xenómica da USC, do CiMUS e da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.
O estudo, de carácter colaborativo a nivel mundial, foi publicado na revista Nature Genetics e estivo liderado pola Universidade de Dalhousie (Canadá). Supón un avance significativo na comprensión das bases xenéticas do TOC, un trastorno que afecta aproximadamente unha de cada 100 persoas e que se caracteriza por pensamentos repetitivos non desexados e condutas compulsivas.
Con máis de 200 especialistas implicados e froito de máis de 20 anos de recompilación de mostras, o estudo contou cun importante labor dos centros de xenotipado e de análise estatística. Neste traballo destaca a participación da investigadora do CiMUS, Cristina Rodríguez Fontenla, unha das principais analistas e autoras do estudo. Segundo declarou ao CiMUS: “O estudo identificou 30 rexións específicas do ADN asociadas a un maior risco de TOC. Analizando estas rexións fomos capaces de identificar 249 xenes, dos cales 25 xenes candidatos mostraban unha forte asociación. Este é un avance moi significativo que senta as bases para seguir afondando nos mecanismos biolóxicos do TOC”.
Ademais, a investigación revelou que o TOC está xeneticamente relacionado con outros trastornos psiquiátricos, como a síndrome de Tourette, a anorexia nerviosa, a ansiedade e a depresión