O CiMUS recibe o recoñecemento como Unidad de Excelencia Maria de Maeztu
5 de Abril de 2025

O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), centro adscrito á USC e pertencente á Rede CIGUS – unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica- acaba de alcanzar o recoñecemento como Unidade de Excelencia María de Maeztu.
Esta distinción, outorgada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades concede na súa resolución provisional 75,7 millóns de euros para financiar nove centros e oito unidades de excelencia que “destacan polo seu impacto científico e liderado internacional”.
Con este recoñecemento ao CiMUS son dous os centros da Rede CIGUS que contan con esta distinción de alto nivel, pois o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) revalidou este selo no 2023 por un novo período, logo de converterse no 2017 no primeiro instituto galego que o ostentaba .
A acreditación como Unidade ‘María de Maeztu’ aporta ao centro unha achega de 3 millóns de euros para un período de catro anos co obxectivo de fortalecer a organización, a planificación estratéxica da investigación e de aumentar a visibilidade dos centros, e a súa capacidade de atracción de talento investigador.
A avaliación e acreditación deste selo de excelencia lévase a cabo por parte dun comité científico internacional e os centros acreditados deben garantir un programa estratéxico de investigación que responda á xeración de coñecemento de fronteira, xerar impacto e competitividade no seu campo de actividade no escenario científico internacional e traballar par potenciar a transferencia de coñecemento á sociedade.
Con este recoñecemento reforzase o apoio que xa recibe o CiMUS por parte da administración galega, co obxectivo de potenciar a estrutura de investigación de alto nivel e o ecosistema galego de I+D+i.
Nesta convocatoria altamente competitiva poñemos tamén de relevancia o esforzo e traballo do Centro singular de investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), adscrito á USC e membro da Rede CIGUS, que logrou superar por segundo ano a primeira fase da convocatoria e reflexa un recoñecemento á competitividade e ao impacto do centro no seu campo de actividade.