O conselleiro de Educación e Ciencia reúnese con representantes dos centros da Rede CIGUS
22 de Maio de 2024
Os novos centros co máximo recoñecemento son o CICA e o CRETUS

O conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez, reuniuse con representantes das entidades que compoñen a Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica. No encontro, levado a cabo na Cidade da Cultura, o titular do departamento educativo do Goberno galego reafirmou o compromiso da Xunta coa investigación realizada nas tres universidades públicas galegas.
«Non en van, vimos de incrementar nun 31 % o financiamento desta rede, cunha nova inxección de case 23,6 millóns de euros que permitirá que estes centros gocen de estabilidade económica para desenvolver a súa actividade ata 2027. A ciencia é unha prioridade para o Goberno galego. Vimos de reforzar organicamente a súa estrutura e estamos preparando un novo plan de I+D+i para sumar esforzos, establecer sinerxías e avanzar nun ecosistema de investigación e innovación, dentro e fóra da Universidade, que nos permita conseguir cotas máximas de transferencia de coñecemento á sociedade», explicou o conselleiro.
Benvida a cinco novos centros
Os novos centros co máximo recoñecemento son o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña e o Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da Universidade de Santiago de Compostela. Pola súa banda, a segunda categoría, de centros colaborativos e creada este ano, estréase co Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) e o Economics and Business Administration for Society (ECOBAS), ambos da Universidade de Vigo.
Os restantes oito centros de investigación universitaria de Galicia acaban de renovar tamén a súa acreditación de excelencia. Trátase dos seguintes: pola Universidade de Santiago de Compostela, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), o Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE); pola Universidade de Vigo, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicacións (atlanTTic), o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIM); e pola Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC).