O IGFAE inaugura a súa nova sede

30 de Xuño de 2025

O IGFAE inaugura a súa nova sede

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, pertencente á rede CIGUS, inaugurou este mércores a súa nova sede. Un espazo que pretende impulsar Galicia como referencia na física do século XXI, así como reforzar a súa xa destacada participación nos experimentos máis punteiros neste eido.

As novas instalacións, cunha superficie de máis de 5.000 m², son froito dun investimento de máis de cinco millóns de euros por parte da Xunta de Galicia, cos que se acometeu a renovación e ampliación das dependencias situadas nas plantas baixas do edificio do Monte da Condesa, no Campus Sur de Santiago de Compostela.

Durante a inauguración, o director do IGFAE, Carlos Salgado, destacou a importancia de dispoñer dun espazo acorde coa traxectoria e co potencial científico do Instituto. Cualificou a nova sede como un “fito histórico da ciencia en Galicia” que permitirá dar resposta aos novos desafíos científicos no marco dos proxectos de maior calado das próximas décadas, e que marcarán o devir da física neste século.

Grandes retos da física nas próximas décadas

A comunidade científica internacional no ámbito da física afronta anos de grandes cambios: tomaranse decisións clave sobre os grandes proxectos da década de 2040, como o próximo acelerador do CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear) ou a construción do Einstein Telescope para o estudo das ondas gravitacionais. Do mesmo xeito, a ciencia e a tecnoloxía cuánticas estanse a converter nunha liña estratéxica de investigación en numerosos países, tamén en Galicia, da man de institucións como o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o propio IGFAE.

Neste contexto, o persoal do IGFAE ocupa actualmente posicións de liderado en grandes colaboracións internacionais, como o experimento LHCb do CERN, o Observatorio Pierre Auger ou a colaboración LIGO. Grazas ás capacidades e tecnoloxías que se poderán desenvolver na nova sede, segundo apuntou Salgado, o centro galego estará en mellores condicións para dar un salto cualitativo na súa visibilidade nestes e noutros proxectos de alcance global.

A partir de agora, o centro contará con sete laboratorios para diferentes tecnoloxías, incluíndo unha sala limpa de 120 m², un espazo no que se proxecta a instalación dun simulador cuántico no marco dunha alianza co CESGA, un taller de micromecanizado, un de metroloxía e outro de desenvolvemento de escintiladores.

Desde a súa primeira acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu (foi o primeiro centro de investigación galego en conseguilo) en 2017, o IGFAE duplicou o seu cadro de persoal, pasando de arredor de 70 a uns 140 integrantes na actualidade. As novas dependencias están enfocadas cara a esta nova realidade, ademais de fomentar as visitas e estadías de xente doutros países, en diferentes etapas da súa carreira, para reforzar as nosas vías de colaboración en diversos proxectos.

Subir ao principio Subir ao principio